Analogue Pocket permitirá xogar con cartuchos de consolas portátiles clásicas

mércores, 16 de outubro do 2019 Marcus Fernández

A meirande parte das consolas retro que chegaron ao mercado nos últimos anos apostaron pola emulación e a incorporación dun selecto grupo de xogos preinstalados, pero a consola Analogue Pocket achega unha proposta moi diferente, xa que busca recuperar os cartuchos orixinais das vellas consolas para poder executalos directamente en mobilidade.
Aínda que isto xa podiamos facelos coas consolas orixinais (que continúan a estar dispoñibles no mercado de segunda man), desta volta falamos dunha consola portátil multi-sistema, ou sexa, que aparte de ser compatible cos máis de 2.780 xogos publicados en cartucho para Game Boy, Game Boy Color e Game Boy Advance, tamén contará con adaptadores para xogos de Game Gear, Neo Geo Pocket Color, Atari Lynx e outros sistemas, converténdose nun produto moi interesante para os que teñan grandes coleccións e xogos clásicos en cartucho.
A Pocket ten unhas prestacións bastante completas, sorprendendo especialmente polo feito de que a súa pantalla LCD de 3,5 polgadas teña unha resolución de 1.600 x 1.440 píxeles, ou sexa, que multiplique por 10 a resolución da Game Boy orixinal, polo que resulta evidente que non quere limitarse só aos títulos de tal sistema, tendo así un grande potencial para outros usos, como a creación musical, xa que integrará Nanoloop, un sintetizador e secuenciador para a creación musical que pode resultar atractivo para creadores de certos estilos de música electrónica (chiptune).
Podemos considerar á Analogue Pocket como un interesante xeito de poder explorar a historia dos xogos de consola portátil, aínda que tamén ofrecerá a posibilidade de conectar a consola nunha base para poder conectala a un televisor por HDMI e empregar até un par de mandos USB ou Bluetooth para xogar ao grande aos xogos clásicos.
Hoxe foi o día da presentación desta consola que pretende saír á venda en 2020 a un prezo de 199,99 dólares, polo que haberá que estar pendentes deste produto que claramente terá unha produción limitada, xa que ao estar orientado a cartuchos de consola (non reproducirá ficheiros con volcados de xogos como é habitual noutros sistemas de emulación) deixan claro que o seu público obxectivo é reducido.

A Analogue Pocket premitirá gozar dos vellos cartochos de Game Boy

PUBLICIDADE