Angry Birds AR: Isle of Pigs chega a iOS

luns, 29 de abril do 2019 Marcus Fernández

Este ano os paxaros anoxados de Rovio estrearon xogo de realidade virtual, Angry Birds VR: Isle of Pigs, e hoxe estreouse unha adaptación deste título no que acción transcorre tridimensionalmente para gozalo no iPhone e no iPad tirando proveito da realidade aumentada nos máis de 40 niveis nos que Red, Chuck, Bomb e os Blues terán que recuperar os ovos que lles roubaron os malvados porcos verdes.
Angry Birds AR: Isle of Pigs permite gozar dunha experiencia de xogo moi realista, na que empregaremos o tirapedras movendo o noso dispositivo móbil no espazo, para conseguir que o noso fogar, a oficial ou o parque sexan escenarios nos que colocar as estruturas que teremos que destruír para completar os niveis con éxito.
Para a creación deste xogo que fai uso de ARKit, Rovio contou coa axuda de Resolution Games, estudio especializado en realidade virtual, e prometen que irán incorporando novos niveis paulatinamente, de xeito contribuirá a construír un 2019 memorable, no que celebrar os 10 anos dos Angry Birds, para o que tamén estrearán a secuela do filme dos paxaros anoxados que puidemos ver en pantalla grande hai tres anos.

Tráiler de lanzamento de Angry Birds AR: Isle of Pigs

PUBLICIDADE