Antena 3 achégase ós móbiles Nokia Nseries

martes, 4 de decembro do 2007 Marcus Fernández

Nokia e Antena 3 asinaron un acordo pioneiro en España para ofrecer contidos de televisión a través do servizo Video Center de Nokia, de xeito que os usuarios de terminais Nokia Nseries poderán ver vídeos cos seus contidos favoritos de Antena 3 que irían dende series coma La Familia Mata ou Los hombres de Paco ata contidos infantís coma Megatrix, pasando por programas de actualidade.
Ignacio Manzanares, director da División de Vídeo e Televisión de Nokia para España e Portugal amosou a súa satisfacción por «asinar este acordo con Antena 3. Os contidos da canle achegarán máis valor ó noso servizo». Por outra banda, Francisco Sierra, director de contidos de Antena 3 Multimedia, tamén se congratulou por incorporar esta nova canle para que os «contidos favoritos de Antena 3 poidan seguirse dende tódalas pantallas: televisión, ordenador e móbil».
O Video Center é unha aplicación incluída nos terminais de Nokia Nseries que permite ó usuario atopar, seleccionar e consumir contidos de vídeo de xeito doado, que está a medrar grazas ós importantes acordos que o fabricante finlandés está a pechar con múltiples provedores de contidos audiovisuais. Os contidos de Antena 3 incorporaranse á oferta de Nokia a partires do vindeiro mes de xaneiro.