Anuncian a cancelación do Tokyo Game Show

venres, 8 de maio do 2020 Marcus Fernández

Tras a cancelación do E3 nos EE.UU. e da Gamescom en Alemaña, quedaba a dúbida sobre o que acontecería co Tokyo Game Show, que ao estar previsto para finais de setembro aínda tiña esperanzas de poder celebrarse, pero finalmente tiveron que claudicar e publicaron un comunicado dando conta da cancelación do evento físico para evitar o espallamento da COVID-19.
O Tokyo Game Show, previsto para entre o 24 e o 27 de setembro no Makuhari Messe, finalmente non poderá celebrarse presencialmente por mor da incerteza que existe na situación actual e a súa posible evolución, de xeito que a organización decidiu priorizar a seguridade de participantes e asistentes.
A finais de mes realizarán un novo comunicado afondando no tema, xa que a suspensión da grande feira presencial de videoxogos non supón unha cancelación total, xa que procurarán que haxa unha edición en liña para manter viva a marca e continuar a dinamizar o sector nun ano moi importante, xa que é cando verá a luz a nova xeración de consolas domésticas.

JPEG - 217.1 KB
A asistencia masiva de público ao Tokyo Game Show fai inviable a súa celebración presencial

PUBLICIDADE