Apple Vision Pro permitirá achegarse de xeito inmersivo á última xira de Metallica

mércores, 12 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Tras máis dun ano con Apple Vision Pro dispoñible no mercado estadounidense a cantidade de contidos inmersivos para tal dispositivo continúa a ser meramente anecdótico, e tras o material promocional inicial o máis salientable foi unha curtametraxe ambientada nun submarino que estrearon en outubro.
Pero a cousa podería mudar lixeiramente, cando menos achegando contidos musicais, como un concerto inmersivo de Metallica, gravado en Cidade de México, e que poderá verse a partir do vindeiro venres. Estamos ante unha experiencia que tirará proveito do vídeo espacial en 180 graos e do son espacial para poder gozar de tres dos grandes temas da banda (Whiplash, One e Enter Sandman) cunha proximidade imposible para os que acudiron en directo á última xera da formación de James Hetfield, Lars Ulrich, Kirk Hammett e Robert Trujillo.
Esta experiencia audiovisual envolvente rexistrada por 14 cámaras de vídeo inmersivo chega ao mesmo tempo que o novo EP da banda, M72 World Tour: Mexico City, que o venres estará dispoñible en Apple Music con son espacial.
Apple aproveita a ocasión para anunciar novos contidos de vídeo inmersivo, como a película VIP: Yankee Stadium que chegará o 4 de abril, ou a edición especial de Bono: Stories of Surrender, que o 30 de maio chegará a Apple TV+, pero que tamén poderá consumirse en formato inmersivo.