Apple anuncia a compra de Beats por 3.000 millóns de dólares

xoves, 29 de maio do 2014 Marcus Fernández

Tras varias semanas de rumores, Apple confirma a compra do servizo musical de subscrición Beats Music e de Beats Electronics, compañía detrás dos populares auriculares Beats, incluíndo nesta adquisición aos co fundadores da compañía, Jimmy Iovine e Dr. Dre, que pasan a traballar para Apple. A operación pechouse nun total de 3.000 millóns de dólares, dos que 2.600 millóns satisfaranse agora e o resto ao longo do tempo, de xeito que o prezo final sería uns 200 millóns de dólares inferior ao rumoreado.
O director xeral de Apple, Tim Cook, asegura que a música sempre foi moi importante para a súa compañía, de aí que “xuntando a estes extraordinarios equipos podemos continuar a crear os produtos e servizos musicais máis innovadores do mundo”. Jimmy Iovine, pola súa banda, recoñece que a súa compañía botou a andar inspirándose en Apple, pola súa habilidade para mesturar cultura e tecnoloxía, de aí que estea moi satisfeito coa operación.
Nos 5 anos de vida de Beats a compañía conseguiu converter o b do seu logotipo en toda unha icona recoñecida mundialmente, en boa medida pola complicidade de moitas celebridades como Lady Gaga, LeBron James, Serena Williams e Neymar, facendo que vestir uns auriculares Beats fose un signo de status e servise para ir á moda, o que contribuíu á súa adopción masiva. A súa estética tamén xogou un papel fundamental para que os produtos de Beats estivesen dispoñibles en moitas das tendas oficiais de Apple en todo o mundo, así como en moitos dos seus revendedores autorizados.
Queda agora por ver que é o que fará Apple coas compañías que vén de adquirir, pero previsiblemente realizará algún anuncio ao respecto a semana que vén, no marco do encontro WWDC, no que veremos moitas das novidades da compañía da mazá para os vindeiros meses.

PUBLICIDADE