Apple estrea o tráiler dunha curtametraxe para Vision Pro

luns, 7 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Estamos no ano do lanzamento das Vision Pro de Apple, dispositivo que aínda non chegou oficialmente a España, e sobre o que hai moitas dúbidas da súa utilidade ante a falla de contidos, pois un dos seus puntos fortes é claramente o consumo multimedia, sendo insignificante a oferta audiovisual que aproveita as virtudes de visor de realidade estendida de Apple.
Para mellorar a situación Apple estreará o vindeiro xoves Submerged, unha curtametraxe de Edward Berger filmada utilizando a tecnoloxía de vídeo inmersivo de Apple, facilitando que os espectadores poidan somerxerse nun submarino da Segunda Guerra Mundial mentres a tripulación ten que actuar ante un ataque de torpedos, que dende hoxe ten dispoñible un tráiler oficial.
Aseguran que Submerged consegue aproveitar as funcións do vídeo estereoscópico e do son espacial de xeito extraordinario, converténdose nunha das primeiras experiencias guionizadas deste estilo, xa que até o momento o vídeo inmersivo de Apple se estaba a empregar para rexistrar deportes, música, aventuras e documentais de natureza.
Será a primeira de moitas producións avanzando na tecnoloxía inmersiva ou estaremos ante o que basicamente podemos entender como unha demostracións dunha tecnoloxía?

Tráiler de Submerged