Arredor de 300 persoas celebraron os 25 anos do CESGA

martes, 20 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Arredor dunhas trescentas persoas, entre investigadoras e investigadores, docentes, profesionais das novas tecnoloxías e representantes das administracións, participaron hoxe nun dos grandes actos conmemorativos do ano, non só do ámbito da informática: a celebración do 25 aniversario do Centro de Supercomputación de Galicia. O acto tivo o seu epicentro na Facultade de Dereito de Santiago, cuxo salón de actos viuse ateigado de representantes da nosa vangarda dixital, de homenaxes (por exemplo a moi sentida homenaxe adicada ao que foi até este ano o director do CESGA, Javier García Tobío) e, sobre todo, de xanelas a un futuro que promete ser tan interesante, ou mellor aínda, que estes 25 anos de cálculo avanzado galego festexados hoxe.
Na cita participou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, que cualificou o CESGA como un referente galego e estatal en materia de pontes: pontes entre a alta tecnoloxía e as empresas e pontes entre os achados da nosa comunidade investigadora, por unha banda, e o tecido empresarial, pola outra. “No CESGA”, comentou “temos a proba palpable de que en Galicia a ciencia, a tecnoloxía e a innovación, é dicir, todos os axentes do ecosistema galego de I+D+i, traballan na mesma dirección”, dixo, ao mesmo tempo que avogou “por consolidar este esforzo conxunto e conseguir que se traduza nun sistema máis competitivo e con maior capacidade de innovación”.
O titular do Goberno galego tamén debuxou unha xanela ao futuro, salientando que na segunda década deste século o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia desempeñará un papel crucial, “xa que a supercomputación, a informática de altas prestacións, é a gran ferramenta desta era dixital, que sustenta a industria conectada, a Industria 4.0, e todos os avances que comporta, como a robótica, a Intelixencia Artificial ou a Impresión 3D”. Asemade, dixo que o cálculo de alto rendemento pon en xogo o alicerce preciso para avanzarmos na predición meteorolóxica; na previsión diaria do estado do mar ou no secuenciado xenético. Todas elas, engadiu, son áreas de traballo nas cales o CESGA colabora con MeteoGalicia, con Portos do Estado, co Programa Europeo de Observación Terrestre Copernicus, coa Fundación Pública Galega da Medicina Xenómica, ou co Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA). Para avanzar en todo isto, o presidente anunciou que en 2019 iniciaranse os traballos para a licitación dun novo ordenador “que adquiriremos entre o CSIC e a Xunta para que estea en funcionamento en 2020, co obxectivo de que o CESGA siga estando na elite dos centros de supercomputación”.
Na cita conmemorativa tamén participou a presidenta do CSIC, Rosa Menéndez López, que incidiu en que a través do CESGA “a Xunta e o CSIC fixeron unha aposta de futuro”. E engadiu: “Mantivemos e confirmamos esta aposta, recentemente, no novo plan de ICT, cuxo mapa vén de ser ratificado e no que o CESGA participa ademais na Rede Española de Supercomputación”.
Outro dos persoeiros que interveu nas celebracións foi o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, que expresou o seu orgullo polos fitos acadados polo CESGA, que ten a súa sede en Compostela, amais de felicitar ao novo director do centro, Mauro Fernández Dabouza, ao que desexou a mellor das andainas. Tamén amosou o seu desexo de colaborar da maneira máis estreita posíbel co CESGA, sobre todo agora que Compostela quere estar na vangarda das Cidades Intelixentes europeas. Asemade, salientou que o CESGA demostra “que o investimento en I+D non é só necesario, senón imprescindíbel”.
Un dos puntos álxidos das celebracións foi a intervención do novo director do CESGA, Mauro Fernández Dabouza, que fixo un percorrido pola historia do centro e as súas orixes, nun intre (hai 25 anos), en que o CESGA xurdiu como o centro de cálculo avanzado máis referencial, a nivel de capacidades e equipamentos, de cantos centros destas características había naquel tempo en España. O novo responsábel do CESGA falou dos fitos deste, moitos e variados, e tamén enumerou algún dos seus principais desafíos: seguir sendo un referente en supercomputación e cálculo de alto rendemento pero tamén en Machine Learning (aprendizaxe máquina), Deep Learning, Internet das Cousas, analítica de información a gran escala (Big Data), predición meteorolóxica avanzada, Industria 4.0, loita contra o cambio climático e contra os desastres naturais ou computación cuántica (a gran tecnoloxía do futuro, dixo), entre outros moitos eidos de acción encamiñados a incrementar a facer un mundo mellor e con máis calidade de vida.
As orixes
O CESGA foi inaugurado o 10 de maio de 1993. Ao longo da súa andaina, foi recoñecido como Infraestrutura Científico–Técnica Singular Española (no ano 2008, polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade) e ten figurado nunha decena de ocasións entre os 500 supercomputadores máis potentes do mundo.
A súa misión é “contribuír ao avance da ciencia e da tecnoloxía en beneficio da sociedade”. Así, desde a súa creación o CESGA desenvolve e xestiona a Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia, unha infraestrutura de comunicacións avanzadas para Galicia que interconecta a práctica totalidade dos axentes no sistema de I+D+i en Galicia.
Hoxe, en coordinación coa RedIRIS, a rede española que proporciona servizos avanzados de comunicacións á comunidade científica e universitaria, o CESGA xestiona as súas propias liñas de fibra escura e proporciona conexións internacionais vía Portugal. Así mesmo, desde 2007 o CESGA acolle o supercomputador Finis Terrae, un referente internacional en canto a cálculo científico e técnico en supercomputación de memoria compartida.
Para dar unha idea do que ofrece o centro, tan só no 2017 máis de 135 proxectos de I+D+i beneficiáronse dos servizos avanzados en cómputo, almacenamento e comunicación ofrecidos polo CESGA. Ademais, nos últimos anos, o centro vén traballando cunha media de 70 empresas, centros tecnolóxicos privados e asociacións empresariais ao ano.
O centro, amais, constitúe na actualidade un dos principais nodos da Rede Española de Supercomputación (RES), que interconecta os máis referentes supercomputadores españois co fin de ofrecer recursos de computación á comunidade científica.

PUBLICIDADE