Artesanía de Galicia reforza a súa web
venres, 6 de febreiro do 2009
A marca Artesanía de Galicia, que conta dende o 2007 cun espazo propio na
Rede, vén de actualizar a súa web,
incorporando novos servizos e ligazóns coas que intentar darlle pulo á
divulgación dos artesáns galegos e ás súas pezas, únicas en todo o mundo.
O obxectivo da Consellaría de Innovación e Industria, o organismo que
xestiona este espazo, é ofrecerlle aos profesionais da artesanía un “servizo integral” que, ademais de dar información
relacionada co sector, actúe como unha ferramenta de promoción do seu traballo
a través da Rede.
Asemade, Artesaniadegalicia.org é agora un escaparate virtual que lle
permite aos artesáns galegos mostrarlle os seus produtos a toda a sociedade e
comercializalos tanto na terra como no exterior.
A través da Dirección Xeral de Comercio e da Fundación Centro Galego da
Artesanía e do Deseño, a Consellaría pon á disposición de todos os artesáns e
obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía a posibilidade de
crear e de xestionar o seu propio espazo web (inserido na propia web institucional da
marca) no que poderán dar a coñecer, entre outras cousas, o seu xeito de
traballar, a súa experiencia, a peculiaridade dos seus produtos, os seus datos
de contacto e toda a información relativa aos lugares no que se distribúen os
artigos.
Os responsables desta ferramenta en liña veñen de anunciar que todas
aquelas persoas interesadas en obter este servizo, “deberán solicitar unha clave de usuario” a través da propia web
para, deste xeito, beneficiarse das novas tecnoloxías postas a disposición da
nosa cultura.
Unha das novidades máis destacables da nova páxina é a creación dun
apartado dedicado á divulgación das técnicas empregadas polos propios artesáns
no que se inclúen vídeos que amosan o seu traballo; unha ferramenta que, dende
a Consellaría, entenden “como fundamental
para conservar e dar a coñecer tanto as
técnicas máis tradicionais ata os oficios artesanais máis recentes ou innovadores”.
O novo sitio, asemade, actuará como un punto de referencia para o sector
artesán galego xa que lle ofrecerá un servizo integral para profesionais e
interesados na artesanía. Na páxina hai espazo para a actualidade, as
reportaxes, a información sobre trámites e lexislación, sobre cursos de
formación, eventos e feiras de artesanía, liñas de apoio ao sector e actuacións
da Dirección Xeral de Comercio e da Fundación Centro Galego da Artesanía e do
Deseño. Nesta nova versión da páxina tamén haberá un espazo dedicado ás zonas
de artesanía, onde se ofrecerán diferentes propostas para combinar o contacto
cos propios centros de produción da artesanía con calquera outra opción
turística ou de lecer relacionada coa paisaxe, co patrimonio histórico, coa
cultura en xeral ou coa gastronomía.

