As Cancelas acolle un evento de Nintendo até o sábado

mércores, 22 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Dende hoxe e até o vindeiro sábado o centro comercial compostelán As Cancelas acolle un evento de Nintendo no que facilita aos visitantes probar a consola Nintendo Switch e o seu último grande xogo, Super Mario Odyssey, no que podemos acompañar a Mario por diferentes mundos para derrotar a Bowser e rescatar á princesa Peach coa axuda da gorra Cappy.
Pero a Nintendo Switch non se limitará a un único xogo, e o espazo de Nintendo en As Cancelas tamén permitirá botar partidas a títulos como FIFA 18, que ofrece novas posibilidades grazas ao orixinal formato da consola híbrida entre doméstica e portátil; tamén poderase loitar no Pokkén Tournament DX e competir no Mario Kart 8 Deluxe, facilitándose así ter unha boa mostra da variedade de xogos que hai para esta nova consola que promete ser o grande éxito do Nadal.
Este evento de Nintendo desenvolverase hoxe e mañá de 13:00 a 21:00 horas, o venres de 13:00 a 22:00 e o sábado de 11:00 a 22:00 horas.

Mario Kart 8 Deluxe é un dos xogos que estes días poderá probarse no centro comercial compostelán

PUBLICIDADE