As IV Xornadas Videoxogo e Literatura inclúen conferencias, clases maxistrais e a estrea en primicia dun documental

martes, 27 de setembro do 2022 S. P.

Este luns 26 de setembro presentáronse os detalles da nova edición (a cuarta) das Xornadas Videoxogo e Literatura, unha actividade anual da Fundación Carlos Casares que ten o obxectivo de afondar na realidade deste ámbito tecnolóxico en auxe cunha “perspectiva transversal e sen perder de vista a súa relación coa literatura e as súas técnicas”. A presentación (no Café Sifón de Vigo) correu a cargo de Gustavo A. Garrido (Fundación Carlos Casares), Miguel Areán (Polygon-e Studios) e o xornalista e director Horacio Rodríguez Maseda. Segundo dixeron, haberá conferencias, clases maxistrais e estrearase o documental La industria salvaje, dirixido por Horacio Rodríguez. Pódense facer as reservas para acudir ás xornadas a través da súa web (de balde). As sesións desenvolveranse a partir das 16.00 horas do xoves 29 de setembro, na Fundación Barrié de Vigo.
Gustavo A. Garrido e Miguel Areán sinalaron que nesta cuarta edición consolídase a mirada transversal mediante novos contidos para as mesas redondas e os faladoiros (financiamento de proxectos, trucos legais, literatura e videoxogo, narrativa e educación, a potencia creadora no ámbito dos xogos de rol, novas formas de comunicación, etc); novas clases maxistrais (deseño de personaxes e uso de Unity), e consolídase tamén a sección Desconferencia, un espazo para que calquera persoa interesada en participar e presentar as súas ideas, proxectos...
Acto seguido falou Horacio Rodríguez Maseda (xornalista, editor e redactor da revista Start Videojuegos), que anunciou a estrea de La industria salvaje dentro das xornadas, un documental que empezou a coller corpo hai máis de cinco anos e que acabou converténdose nunha peza audiovisual de 80 minutos de duración que narra as dificultades de medrar no sector do desenvolvemento de videoxogos en España, con 16 entrevistas de desenvolvedores, xornalistas e académicos para explicar o contexto actual do desenvolvemento nacional. Ademais, o documental segue de preto o estudo galego Gato Salvaje durante a creación do seu xogo máis ambicioso ata o momento: The Waylanders. O xogo, creado por un equipo liderado polos irmáns Sergio e Fernando Prieto, xunto cun terceiro socio, Javier Vara, bebe de sagas referenciais como The Witcher e Dragon Age, pero achegando un universo e unha narrativa propia inspiradas na mitoloxía celta e galega.
Xoves 29
Despois do acto de inauguración das 16:00 h., a sesión de apertura abordará o financiamento do sector do videoxogo, da man de Mauricio García, mentor e produtor de equipos noveis en Billete Cohete; Sergio Reyes, responsábel de gaming e eSports en StartupXplore, e Gilberto Sánchez, director académico da Área de Videoxogos da U-tad (Centro Universitario de Tecnología y Arte Digital e está na CA de Madrid).
A segunda sesión será unha mesa de diálogo sobre a potencia creadora que existe en Galicia con respecto á industria cultural e creativa dos xogos de rol e como os seus procesos narrativos inflúen en aspectos educativos, no deseño narrativo de videoxogos e na literatura. Correrá a cargo de Laura Guerrero, programadora de xogos de rol; Hoopoe, deseñadora narrativa en Corvus Belli; e Carlos Rodas e Clementina Álvarez, de Eternalverse Games. Baixo o título Literatura e videoxogo. Unha retroalimentación inaudita, a última sesión do xoves analizará cuestións e participarán Antonio Gil, profesor titular de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC, María Álvarez Villar, doutoranda en Estudos Literarios da UVigo e Gustavo A. Garrido, da Fundación Carlos Casares.
30 de setembro
O primeiro faladoiro será Evita desastres legais á hora de facer un videoxogo, a cargo de Roberto Janeiro, de Herrero & Asociados. Acto seguido contarase cunha masterclass do desenvolvedor de videoxogos e creador de contidos Gius Caminiti titulada Unity. Así se fan os videoxogos, encamiñada a que as persoas asistentes poidan iniciarse no mundo dun dos motores de creación de videoxogos máis importantes. A 3ª sesión do día, O sector do videoxogo. Narrativa e educación, é unha mesa redonda a tres voces coa presenza de Daniel González, director creativo de Gametopia con varios xogos sobre figuras literarias onde a música clásica ten un compoñente educativo importante; Iván Montes, profesor de primaria e formador en Robótica; e Daniel Rodríguez, profesor e presidente de APETEGA, e responsábel do Proxecto Algoritmia. A mesa redonda será conducida por Leticia Costas, de Kidcode Vigo.
A tarde do xoves abrirase cunha mesa redonda titulada Novas formas de comunicación coa escritora Rebeca Álvarez e Dhaunae de Vir, desenvolvedora de proxectos transmedia. A mesa será moderada por Carlos Pereiro, editor da Revista Morcego. Tras esta sesión contarase cunha clase maxistral sobre deseño de personaxes en videoxogos desenvolvida por José Holgado, PDI nos graos de Comunicación Audiovisual e Creación Dixital, Animación e Videoxogos da Universidade da Coruña. O día rematará coa presentación Revivindo as recreativas de Roi Cruz e Roberto Benavides, fundadores de Power UP, dedicada ao rescate e restauración de antigas máquinas recreativas.
Estrea en primicia de La industria salvaje
O último día das xornadas comezará coa estrea en primicia do documental La industria salvaje de Horacio Maseda. Para finalizar, será a quenda do público. Calquera persoa interesada poderá presentar o seu proxecto e falar de calquera aspecto relacionado coa temática das Xornadas na Desconferencia, un micro aberto cun tempo de ata 15 minutos para que as persoas interesadas en dar a coñecer as súas ideas e proxectos poidan amosar o seu potencial. Para participar unicamente hai que apuntarse na páxina das xornadas.

PUBLICIDADE