As Naves do Metrosidero énchense de público na presentación do podcast Fóra de guión
venres, 28 de novembro do 2025
As Naves do Metrosidero acolleron este xoves 27 de novembro á tarde a gravación do primeiro episodio de Fóra de guión, o novo podcast xuvenil en directo impulsado polo Concello da Coruña e dirixido á mocidade de entre 12 e 30 anos. A sesión, centrada nas adiccións dixitais e o xogo en liña, rexistrou unha alta participación, consolidando este formato como un novo espazo de encontro e reflexión para a xente nova.
O episodio, baixo o título Conectados ou atrapados: adiccións dixitais e apostas na xuventude, estivo conducido polo creador de contidos Oveyanejra (Ángel Currás), quen guiou a conversa. Ao seu carón, Champi Muros (Santi Caamaño) relatou en primeira persoa o proceso que o levou do xogo recreativo á adicción, así como o impacto que tivo na súa vida persoal, social e económica, e o camiño de volta cara á recuperación grazas á petición de axuda profesional.
Na segunda parte da sesión incorporouse a visión técnica de Gerardo Rodríguez, profesional de AGALURE, entidade especializada en prevención e tratamento de condutas aditivas. Rodríguez explicou os sinais de alerta máis frecuentes entre a mocidade, o papel das familias e do entorno educativo e social, e os recursos dispoñibles para quen sente que perdeu o control sobre o xogo ou o uso das pantallas, insistindo en que pedir axuda "é un acto de valentía e non un fracaso".
A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor a aposta municipal por novos formatos dirixidos á mocidade: "Con Fóra de guión amosamos que se pode falar con rigor de saúde mental, adiccións e riscos dixitais empregando as linguaxes, os espazos e as referencias da mocidade. Queremos ofrecer alternativas de lecer responsable, reforzar o pensamento crítico e dicir ás e aos máis novos que non están sós se precisan axuda".
O encontro combinou entrevista, testemuños en primeira persoa e dinámicas participativas co público, como o xogo Controlas ou te controla?, así como unha sección final de preguntas abertas que permitiu á mocidade expresar dúbidas e compartir experiencias.
O episodio quedou rexistrado en formato audiovisual e publicarase nas vindeiras semanas nas canles dixitais municipais, incluíndo a conta @mocidadecoruña e a canle de YouTube do Concello da Coruña, xunto con clips específicos para redes sociais.
A alcaldesa confirmou que ao longo de 2026 o ciclo Fóra de guion abordará novas temáticas de interese xuvenil como o bullying, os consumos de substancias, o benestar dixital ou a igualdade de xénero, mantendo o formato de podcast en directo con público.
