As Neves estréase en Max coándose no seu Top 10

martes, 10 de setembro do 2024 Marcus Fernández

O filme As Neves de Cósmica Producións, dirixido por Sonia Méndez, quen quixo facer un achegamento na pantalla grande á mocidade hiperconectada, estreouse onte na plataforma de video baixo demanda Max, onde a produción pode verse tanto en versión orixinal como dobrado ao español, contando tamén con subtítulos en español e inglés, facilitando así que a ópera prima de Méndez poida achegar a un público moi amplo.
O que resulta rechamante é que, a poucas horas da estrea na plataforma dixital, As Neves conseguiu colocarse no 5 posto en volume de reproducións, o que é un grande logro para un filme galego gravado en galego, que non contou con promoción por parte da plataforma.
As Neves tamén contou coa participación da TVG e RTVE, polo que podemos contar con que a longo prazo vaia ter unha boa difusión estatal, coa porta aberta á distribución internacional da man de Begin Again Films.