As TIC baten forte na quinta edición de ViaGalicia

luns, 2 de outubro do 2017 Redacción

As entidades responsábeis de ViaGalicia, a aceleradora de empresas tecnolóxicas con sede de seu en Vigo e Lugo, veñen de facer reconto das expectativas (moitas) que acompañan a quinta edición do programa. Segundo indican, un total de 202 iniciativas empresariais presentáronse a esta nova edición da palestra innovadora, promovida polo Consorcio Zona Franca de Vigo e Xunta de Galicia, que pechou o 29 de setembro o prazo de inscrición de proxectos. En concreto, 149 iniciativas empresariais presentáronse para a súa aceleración na sede de Vigo e un total de 53 para a de Lugo. Unha vez máis, teñen un papel salientábel os proxectos vencellados ás Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC), que supoñen máis dun 18% do total. Ao abeiro desta porcentaxe teñen cabida iniciativas do máis variado: de aplicacións tecnolóxicas, de servizos de software ou as iniciativas de organización de procesos.
Ao sector TIC ségueno en importancia as propostas relacionadas co sector da agroalimentación e a pesca (11%), o turismo e a hostalaría (10%) e a cultura e o lecer (10%).
De entre todas as propostas, o comité técnico de ViaGalicia seleccionará, tendo en conta os criterios de innovación, investibilidade, acelerabilidade e relevancia das propostas, até un máximo de corenta proxectos por sede, que se darán a coñecer a principios do mes de novembro para a súa participación na seguinte fase. Para iso, desde ViaGalicia realizaranse diversas entrevistas cos emprendedores, co obxectivo de coñecer mellor as propostas, aclarar algunhas dúbidas e coñecer aos equipos promotores.
Esta quinta edición conta cun orzamento de 2,65 millóns de euros, destinados á formación, asesoramento, apoio, traballo cooperativo (coworking) e financiamento dos proxectos que participen no programa de aceleración.

PUBLICIDADE