As TIC, desaproveitadas na maioría dos centros de ensino

luns, 23 de marzo do 2009 Raquel Noya

Di un artigo da Voz de Galicia de hoxe que “o reto da educación do século XXI é o acceso dos alumnos ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC)”; porén, prosegue, “este camiño non transcurre polos videoxogos, as redes sociais e os correos electrónicos”, (unha ampla parte das novas tecnoloxías que os nosos adolescentes xa dominan á perfección), senón pola aplicación de todas as posibilidades que ofrece a Internet 2.0 á súa formación, unha tarefa que está máis ben na man dos mestres e educadores deste país que na súa propia.
Que se precisa? Pois segundo as verbas do autor do artigo, “un pouco de iniciativa, un chisco de formación e algo (só algo) de diñeiro”.
Isto vén a conto porque ao parecer, o 95 por cento dos colexios e institutos xa están “completamente cableados” con Rede ou ADSL e aínda así, os alumnos e alumnas do noso país seguen sen empregar os ordenadores de xeito habitual para o estudo das súas asignaturas.
Por norma xeral, os ordenadores dos centros de ensino soen estar ubicados exclusivamente nas aulas de informática e só 1 de cada 8 institutos e colexios conta con máis de dez ordenadores distribuídos polas aulas ordinarias para o seu uso educativo.
É por isto que as autoridades responsables reclaman unha meirande preparación teórica do uso das TIC aplicadas ao ensino e que estas non se limiten á procura de información como vén sendo habitual entre o profesorado do noso país.