As TIC e a innovación, eixes comúns das firmas participantes na nova edición de Getting Contacts

martes, 13 de decembro do 2016 Redacción

O vindeiro luns 19 de decembro ás 9:30 horas a compostelá Cidade da Cultura acollerá unha nova edición de Getting Contacts, unha xuntanza que servirá de intercambio empresarial, organizada polo Departamento de Promoción Económica do Concello de Santiago, co financiamento da Deputación de Coruña, dentro do programa Compostela Móvese. Desta volta, Getting Contacts centrará a súa temática nas empresas creativas, apuntando directamente a persoas emprendedoras, profesionais e empresas co obxectivo de facilitar contactos técnicos e comerciais para atopar nova clientela, colaboracións, empresas provedoras e/ou distribuidoras. A inscrición é de balde e pode facerse a través da páxina web de Getting Contacts.
En canto a obxectivos, nesta xornada quérense fortalecer as redes de contactos das empresas facilitando o networking, crear novas oportunidades de negocio (mediante entrevistas por intereses), atraer a empresarios doutras zonas e abrir as portas a novos investimentos.
Getting Contacts prevé a asistencia de arredor de 100 empresas, os participantes entrevistaranse cun mínimo de 10 empresarios e empresarias con intereses comúns para atopar novos clientes e provedores, buscar novos socios e proxectos, mellorar a súa rede comercial e ir á procura de potenciais investidores. A propia organización, en base aos perfís e intereses das empresas participantes, deseña unha axenda personalizada de 10 contactos por cada participante máis unha listaxe detallada das empresas participantes.
E quen asistirá a esta edición? A maior parte dos participantes son emprendedores ou directivos de PEME (Pequenas e Medianas Empresas), das cales a maioría son do sector das novas tecnoloxías da información, como empresas de deseño, informática, comunicación, ou de sectores vinculados co propio sector TIC, como corredorías de seguros, empresas de formación, despachos xurídicos...

PUBLICIDADE