As Universidades e Industria xuntan esforzos e criterios en materia de innovación

xoves, 5 de setembro do 2013 Redacción

Cómpre impulsar a innovación galega dende tódalas frontes e isto dificilmente se vai acadar de non contarmos con máis e mellores alianzas entre institucións, universidades e empresas. Ao fío deste argumento, os pasados días celebrouse unha xuntanza entre os reitores das nosas tres universidades (Xosé Luís Armesto pola UDC, Juan Casares pola USC e Salustiano Mato pola UVigo) e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que tiveron a oportunidade de compartir experiencias e puntos de vista arredor da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) que marcará as pautas en innovación galega ata 2020. Trátase dun documento impulsado e desenvolvido polas ditas institucións educativas e outros 200 axentes do sistema galego de innovación e que se vai presentar as vindeiras semanas perante a Comisión Europea.
Segundo explicaron os participantes na xuntanza, permitirá que a nosa comunidade reciba 2.000 millóns de fondos FEDER e FSE entre 2014 e 2020, dos que 1.200 millóns dedicaranse a innovación, eficiencias enerxética e apoio á competitividade das PEME. O documento precisou de varios meses de intenso traballo co fin de dar forma ás preto de 40 propostas-obxetivos que acubilla. Segundo informa a Consellería de Economía, algúns destes obxectivos pasan “por converter a Galicia nun provedor da industria aeronáutica; desenvolver as tecnoloxías, servizos e loxística da biomasa; aproveitar os residuos e subprodutos do sector agroforestal e a súa industria transformadora; desenvolver novos materiais e aplicar as tecnoloxías emerxentes; potenciar a comercialización do turismo cultural; aplicar as novas tecnoloxías da información para favorecer o envellecemento activo, e a innovación en nutrición”.

PUBLICIDADE