As aulas CeMIT acollen obradoiros TIC para fomentar a empregabilidade

luns, 26 de outubro do 2020 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a entidade colaboradora Red Araña están a impulsar unha serie de programas formativos para promover a inserción laboral de persoas desempregadas a través da capacitación dixital. As actividades, que teñen financiamento da Xunta, desenvolveranse en sete aulas da Rede CeMIT durante outubro e decembro presencialmente (mentres as autoridades sanitarias o permitan) e por vídeo-conferencia. Terán feitura de obradoiros TIC para mellorar a empregabilidade, actividades de networking, talleres de habilidades sociais, creación de ideas de negocio, etc.
Segundo informa AMTEGA, a través destes programas formativos as persoas participantes “terán a oportunidade de adquirir competencias e destrezas dixitais, mellorar e potenciar as habilidades sociais, deseñar unha estratexia de promoción de contactos persoais e profesionais offline e online, aprender a traballar en equipo e incentivar a creatividade”.
Ademais, os obradoiros complementaranse con itinerarios personalizados e sesións interactivas onde as e os asistentes recibirán recursos para axudarlles na procura de emprego como as claves para afrontar una entrevista de traballo; aumentar a súa rede de contactos profesionais e persoais a través do networking; facilitar o seu acceso a procesos de selección, así como impulsar novas ideas de negocio e fomentar a cultura emprendedora.
As persoas interesadas en participar tan só deberán cumprir co requirimento de estar en procura de emprego coa tarxeta do Servizo Público de Emprego activa e o DNI vixente e estar dados de alta como usuarios CeMIT para inscribirse nas actividades dispoñíbeis a través das aulas CeMIT ou na web CeMIT segundo o seguinte calendario:
- O Taller de habilidades dixitais e Networking, previsto para o 26 e 27 de outubro na aula de Ribeira.
- Taller de Competencias dixitais básicas orientadas á mellora da empregabilidade das mulleres que celebrarase os días 28, 29 e 30 de outubro e o 2 e 3 de novembro en horario de 10:30 a 14:30 horas en Ribeira
- Taller de mellora de habilidades sociais no voluntariado (neste caso non sería un requirimento necesario ter a tarxeta do SEPE activa) previsto para o 4 e 5 de novembro en horario de 9:00 a 14:00 horas na aula de Valga
- Taller de Competencias dixitais avanzadas orientadas á mellora da empregabilidade e Obradoiro de habilidades dixitais, os días 6, 9, 10, 11 e 12 de novembro en horario de 09:30 a 13:30 nas aulas de Poio, e Valga, e os días 16, 17, 18, 19 e 20 de novembro en horario de 09:30 a 13:30 nas aulas de Cerceda, Fisterra e Ortigueira celebrarase unha edición en nivel básico.
- Taller de creación de ideas de negocio previsto para o 27 de novembro en horario de 9:00 a 14:00 horas nas aulas de Ortigueira, Poio, Pontedeume e Valga.
Red Araña, entidades polo emprego
É unha organización de acción social de carácter non lucrativo que busca promover actuacións que permitan a inserción sociolaboral dos desempregados/as con especial atención a aqueles colectivos vulnerábeis. A súa misión é a de agrupar e facilitar o desenvolvemento do maior número de entidades sociais que traballan nesta inserción xerando experiencias empresariais sustentábeis, comprometidas co seu entorno e que permitan o acceso ao mercado de traballo a aquelas persoas con maiores dificultades.


PUBLICIDADE