As axencias de intelixencia estadounidenses temen aos fabricantes chineses

mércores, 14 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Durante a pasada edición do CES de Las Vegas o director xeral de Huawei amosou o seu malestar ante o boicot que estaban a facer á súa marca algúns operadores de telecomunicacións norteamericanos ante presións do Goberno dos EE.UU., e aínda que non exista ningunha evidencia que indique que existan riscos ao empregar smartphones do fabricante chinés (de feito, o fabricante conta cunha grande presenza en Europa) onte mesmo 6 das principais axencias de intelixencia estadounidenses (entre as que figuran a CIA, o FBI e a NSA) defenderon ante a Comisión de Intelixencia do Senado a súa desconfianza de Huawei (así como tamén da chinesa ZTE) de xeito xeral, ou sexa, que recomendan que os cidadáns norteamericanos non merquen smartphones de compañías chinesas.
O director do FBI, Chris Wray, asegura que están moi preocupados ante aos riscos de permitir que compañías ou entidades con ligazóns a gobernos estranxeiros «que non compartan os nosos valores» poidan gañar posicións dentro das redes de telecomunicacións, o que facilitaría potencialmente a espionaxe.
Sobra dicir que as acusacións contra Huawei carecen totalmente de fundamento (de feito, a compañía leva décadas sendo un dos principais provedores de infraestruturas de telecomunicacións en case todo o mundo) e non deixa de parecer unha medida proteccionista que emprega o medo como xustificación.

PUBLICIDADE