As bestas estréase en streaming

xoves, 9 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Un dos filmes con participación galega de máis éxito nos últimos anos, As bestas, que non só recibiu 9 premios Goya (incluíndo o de mellor película e o de mellor actor de reparto, que recaeu en Luís Zahera), senón que incluso consegue manterse nas salas de cine bastante tempo despois da súa estrea, chega por fin a unha plataforma de streaming, xa que o vindeiro venres incorpórase ao catálogo de Filmin, onde poderemos alugar esta produción por 3,95 euros.
As bestas tamén recibiu premios a nivel internacional (como o César á mellor película estranxeira, o premio Feroz á mellor película dramática ou o premio do público á mellor película europea no Festival de San Sebastián), destacando polo feito de estar rodada en francés, galego e español en distintas localizacións de Galicia e León, relatando o enfrontamento entre un matrimonio francés (trasladado a vivir a unha aldea no interior de Galicia) e os seus veciños, molestos porque os protagonistas non queren vender as súas terras a unha compañía enerxética, provocando un grande conflito no que poderemos afondar dende o salón da nosa casa.

PUBLICIDADE