As bitácoras, por diante da publicidade en televisión en termos de fiabilidade

luns, 13 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Tendo en conta que nunha boa parte dos anuncios de televisión que chegan hoxe en día ás nosas pantallas saen reflectidos tódolos peores estereotipos da sociedade actual (hai contidos sexistas até na publicidade dirixida ós nenos, por non falar da glorificación do consumismo), se cadra non ten moito mérito o dato achegado por Ipsos MORI referente á fiabilidade dos blogs. Así, segundo unha investigación elaborada por esta empresa, as bitácoras son hoxe en día unha fonte de información moi ben valorada pola sociedade, máis cós anuncios de televisión e o marketing no correo electrónico, dato este último que tampouco parece que vaia revolucionar o mundo, tendo en conta que o marketing por e-mail é hoxe unha semente que moi raramente xermola (alguén lles fai caso ós anuncios por correo electrónico?).
Volvendo ó dito estudo: nel tamén se sinala que os niveis de fiabilidade que inspiran os blogs son meirandes en países como Francia, onde semella haber máis cultura blogueira ca en España. En termos xerais, as bitácoras son xa as canles de información máis segura para o 24% dos enquisados (2.200 europeos), por diante dos anuncios (17%) e do marketing por correo electrónico (14%). Sexa como sexa, os blogs aínda non puideron superar ós xornais en papel, que acaparan ó 30% dos lectores, aínda que é moi posible que para o vindeiro ano por estas mesmas datas –tendo en conta a caída nas vendas da prensa tradicional– teñamos que falar do contrario.

PUBLICIDADE