As dúas canles da TVG emitirán en HD en marzo

xoves, 28 de febreiro do 2019 Redacción

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, anunciou hoxe no Parlamento na súa comparecencia mensual ante a Comisión de Control da CRTVG, que a televisión autonómica galega principiará as súas emisións en alta definición en marzo.
Izquierdo asegurou que «neste mes de marzo os galegos poderán sintonizar nos seus televisores as dúas canles públicas galegas, a TVG e a TVG2, el alta definición (HD) e non só unha como era a previsión inicial, aínda que tamén se manterán as canles de definición estándar (SD)» engadindo que «as emisións en HD suporán un gran pulo para toda a programación de entretemento, para os informativos e para as retransmisións deportivas, que agora se poderán ver en HD pola segunda canle, a TVG2».
Nas vindeiras semanas a CRTVG informará á audiencia a través da TVG, a Radio Galega e a Internet sobre os pasos para sintonizar nos televisores estas canles en alta definición.

PUBLICIDADE