As exclusivas poderían ser o elemento decisivo para o éxito das plataformas de vídeo baixo demanda

luns, 6 de xullo do 2015 Marcus Fernández

A nova de que Netflix chegará a España no mes de outubro daba a entender que iamos vivir unha revolución da oferta audiovisual a través de streaming no noso territorio, pero a reacción dos competidores parecer ser bastante tibia, e as limitacións neste ámbito parece que van continuar a medio prazo se atendemos a unha nova entrada do blog dun dos principais actores do sector, Wuaki.tv, na que dan a benvida a Netflix dando a entender que a súa oferta xa está á altura da do xigante norteamericano, e salientando que os contidos en exclusiva serán o factor diferencial entre as distintas plataformas.
Dende Wuaki.tv consideran que a chegada de Netflix fará que moita máis xente descubra os novos xeitos de consumir contidos de pagamento a través da Internet, detallan que o seu catálogo actual é practicamente idéntico ao que Netflix ten en Francia ou Alemaña, e salientan que Wuaki.tv ten unha oferta aínda mellor por contar con estreas de cine en aluguer por 3,99 euros (que non están dispoñibles no catálogo de Netflix nos países nos que opera) e conta xa con series exclusivas como Peaky Blinders e The Game, así como os dereitos de series estrelas como House of Cards, unha das estrelas de Netflix nos EE.UU. pero da que carecerá no seu lanzamento español (situación realmente paradoxal).
Lembremos que o peso das exclusivas son en moitos outros escenarios os que deciden as plataformas imperantes, como por exemplo, no mundo dos videoxogos, nos que os usuarios contan coa grande masa de títulos para as principais plataformas, pero optar por unha consola ou outra en función dos xogos dos que só poden gozar nunha máquina en concreto.
Dende Wuaki.tv tamén enchen o peito para dicir que o seu proxecto emprendedor naceu en España, e que rematará o ano con presencia en 11 países europeos, converténdose no meirande servizo de vídeo por Internet en Europa (aínda que este crecemento é posible principalmente grazas á adquisición do servizo por parte de Rakuten).