As firmas turísticas e tecnolóxicas da nosa terra xuntan forzas no #Loopcongress, o día 27

venres, 14 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

O Clúster Turismo de Galicia e o Clúster TIC Galicia van organizar a primeira edición do #Loopcongress (I Xornada Turismo e Tecnoloxía), prevista para o vindeiro 27 de febreiro. Será un encontro profesionais dirixido a fomentar a colaboración entre as empresas representadas polas ditas plataformas co obxectivo de avanzar en transformación, competitividade e achados conxuntos. A xornada, que incluirá reunións bilaterais para as empresas dos dous ámbitos de actividade, celebrarase na Cidade da Cultura. Podemos ver máis información sobre o encontro empresarial en www.loopcongress.com.
Os fíos temáticos principais serán as posibilidades da información a gran escala (Big Data) para mellorar a actividade das empresas e identificar problemas e resolvelos de xeito eficiente, e as potencialidades do Social Selling (un novo paradigma na actividade comercial que nos obriga a actualizar os nosos coñecementos e adestrarnos para unha orde cousas onde “conectar e vender” cambia radicalmente). Entre os relatores atópase Álex Rayón Jerez (vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Deusto), que falará de Big Data e Turismo, e Álex López, un dos influencers máis sobranceiros do panorama comunicativo actual das redes, amais de experto en mercadotecnia dixital e ecommerce.

PUBLICIDADE