As industrias culturais de ámbalas beiras do Miño facturan 2,3 millóns de euros

venres, 24 de febreiro do 2012 Redacción

Participantes na conferencia de industrias creativas celebrada na Cidade da Cultura

A conferencia internacional sobre industrias creativas celebrada estes días na Cidade da Cultura serviu entre outras cousas para amosar un balance sobre o peso económico que teñen na Eurorrexión as empresas do sector: máis de 2,3 millóns de euros de facturación por parte de 7.400 sociedades (mercantís na meirande parte dos casos). Estamos a falar das industrias culturas e creativas (ICC) de Galicia e Norte do Portugal, que son as que se avalían no estudo que presentou a Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión (GNP-AECT) nun evento de seu, o de Santiago, que ten continuidade este venres no Paço dos Duques de Bragança de Guimarães como parte da programación que desenvolve a cidade lusa como Capital Europea da Cultura 2012.
O informe, por certo, foi realizado en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Consellería de Cultura e coas entidades portuguesas Agência para o Desenvolvimento das Indústrias Criativas (ADDICT) e Agência Metropolitana de Desenvolvimento Regional (Primus). O estudo ofrece a través das súas máis de 300 páxinas un achegamento polo miúdo á realidade do tecido empresarial das industriais culturais e creativas de ámbalas beiras do Miño. Segundo se fai saber na investigación, a facturación das firmas deste sector ascendeu a 1.135 millóns de euros en 2009, cifra á que –xunto co produto gráfico– tamén contribuíron de xeito relevante sectores como o audiovisual (cine, televisión, vídeo, radio e as novas tecnoloxías da información e comunicación) cun 17% e a música e artes escénicas cun 10%. En canto ao emprego e segundo os datos da Seguridade Social correspondentes a marzo de 2011, as ICC daban traballo nese momento a un total de 21.263 persoas, cifra que representa un 2,17% do total. Por eido de actividade, das máis de 3.800 empresas analizadas un 56,36% insírense de maneira específica no terreo das industrias culturais (produto gráfico, audiovisual, música e radio), un 28,52% nas industrias creativas (deseño, arquitectura, publicidade e novas tecnoloxías da información e o coñecemento) e o 15,12% restante nas chamadas Core Arts (artes escénicas, artes plásticas, fotografía, bibliotecas, museos, arquivos e patrimonio). E engádese: “Nesta panorámica global das ICC galegas, o sector do produto gráfico destaca como o de maior dimensión tanto respecto ao número de empresas (un 23,47% do total) como ao volume de negocio, xerando un 60% do total”.

PUBLICIDADE