As institucións públicas renovan o seu apoio ao Nodo CIBER.gal

luns, 17 de xuño do 2024 Redacción

A Xunta, o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), a FEGAMP e as catro deputacións provinciais veñen de renovar o seu compromiso de cooperar en materia de ciberseguridade prorrogando o convenio que dá continuidade á labor do Nodo CIBER.gal. Este espazo público-privado, ao que están adheridas 50 entidades, impulsa desde 2020 diferentes actuacións de capacitación, concienciación e prestación de servizos de ciberseguridade para cidadáns, empresas e administracións públicas.
Ao longo destes catro anos o Nodo consolidou o Encontro galego CIBER.gal como a cita anual da ciberseguridade en Galicia, na que expertos nacionais e internacionais abordan os retos e oportunidades desta tecnoloxía, ao tempo que impulsa as vocacións temperás cun concurso Ciberseguridade no cole.
A IV edición de CIBER.gal celebrase os vindeiros 6 e 7 de novembro na Cidade da Cultura. Previamente, terá lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) unha xornada destinada ao tecido industrial de Galicia e ao sector da innovación e da ciberseguridade
Entre as actividades do Nodo está a posta en marcha de dous grupos de traballo para identificar necesidades en materia de ciberseguridade para empresas e cidadanía e que realizaron arredor dunha trintena de actuacións das que se beneficiaron preto de 900 persoas. Está previsto poñer en marcha un novo grupo de traballo dirixido ás empresas no segundo semestre do ano.
No ámbito da concienciación, o Nodo desenvolveu campañas de sensibilización a través das iniciativas #Cibercarracho e #Ciberesther que suman máis de 80 vídeos con máis de 5 millóns de visualizacións.
Ao longo destes catro anos o CIBER.gal participou en mais de 25 eventos, xornadas e iniciativas relacionadas coa ciberseguridade a nivel autonómico e nacional, e colaborou con organismos relevantes no ámbito da ciberseguridade, como a Global Cybersecurity Alliance (GCA), ISMS Forum ou Women4Cyber Spain.
Ademais, no marco das actuacións do Nodo, Galicia, xunto con Cataluña e Valencia e, en colaboración co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), porá en marcha o futuro Centro de innovación e Competencia da Ciberseguridade, enmarcado no Programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (Retech) e no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con fondos Next Generation EU, que contempla liñas de actuación en catro ámbitos: as ciencias da saúde, o transporte intelixente, a industria conectada e a excelencia operativa.