As nosas bibliotecas acollerán unha trintena de actividades para celebrar o Mes da Ciencia en Galego

martes, 27 de outubro do 2020 S. P.

Este martes o Goberno galego presentou o programa de actividades para celebrar nos vindeiros días o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas da rede pública da Xunta (Consellería de Cultura) e nas bibliotecas escolares. Será unha completa axenda de arredor de trinta actividades, co nexo común de reivindicar o frutífero punto onde se xuntan galego, ciencia e innovación. As iniciativa comezarán o día 7 e desenvolveranse até o 28 de novembro. Os secretarios xerais de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García, presentaron en rolda de prensa a programación de actividades.
No acto, celebrado na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, participou tamén o autor do Manifesto do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas deste ano, o profesor, investigador e divulgador científico Xurxo Mariño.
Anxo M. Lorenzo salientou “a importancia de celebrar un ano máis este programa, por medio do cal as bibliotecas constitúen espazos seguros para promover accións adaptadas aos novos protocolos por mor da COVID-19”. Segundo engadiu, o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas achega unha trintena de actividades de divulgación social do coñecemento científico orientadas sobre todo ao público infantil e xuvenil.
Pola súa banda, Valentín García, recordou que xa durante o curso pasado “os equipos de dinamización da lingua galega, a miúdo en colaboración cos de biblioteca e cos departamentos, promoveron tamén múltiples iniciativas para que o alumnado puidese investigar, descubrir e divulgar a ciencia non só no centro de ensino senón tamén na casa, no período de obrigado confinamento por mor da pandemia”. E engadiu: “As iniciativas caracterízanse por se achegaren de forma cada vez máis lúdica á experimentación científica, por procuraren máis que nunca a colaboración das familias e por divulgaren os resultados de forma xeneralizada a través das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC”.
O secretario xeral salientou que con estas iniciativas dos EDLG “o coñecemento científico pasou da aula ao ámbito familiar e a súa divulgación, das revistas impresas ás dixitais, das charlas ou xornadas presenciais ás virtuais e dos experimentos colectivos á vista do alumnado aos individuais gravados e difundidos a través da Rede”.
O Portal da Lingua Galega ofrece desde xa, en aberto, as iniciativas máis recentes dos EDLG de facer e difundir ciencia en galego.
Para todos os públicos
A Biblioteca de Galicia, as bibliotecas públicas da Coruña Miguel González Garcés, de Lugo, de Ourense Nós, de Pontevedra Antonio Odriozola, de Santiago Ánxel Casal e de Vigo Juan Compañel serán os espazos nos que se desenvolvan as actividades programadas. “Todas elas”, salientouse no acto, “estarán adaptadas ás restricións por mor da COVID e respectaranse todas as medidas de seguridade”.
A programación inclúe “iniciativas para todos os públicos e todas as idades”, desde contacontos para pequenos de 3 a 8 anos e obradoiros creativos para nenos a partir de 6 anos ata representacións teatrais para toda a familia, pasando por obradoiros de selfies para aprender a sacar partido da cámara do teléfono móbil, máis dirixidos a un público adolescente. Así mesmo, celebraranse faladoiros de ciencia centrados sobre todo no público adulto. Durante este mes, as bibliotecas tamén porán o foco na súa bibliografía científica, en especial a dirixida a un público infantil e xuvenil.
Apoio aos sectores culturais
A celebración do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas enmárcase no apoio aos sectores culturais por parte do Goberno galego. Lorenzo e García lembraron a este respecto que a Xunta “decidiu incrementar este ano nun 54% as axudas a concellos para a adquisición de novidades editoriais en galego e para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas e axencias públicas de lectura integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, a través dunha convocatoria extraordinaria que se resolveu a pasada semana, dentro do Plan de Reactivación do sector cultural para reforzar o apoio ao sector editorial galego”. En total, recordaron, “o Goberno autonómico inviste 850.000 euros e benefícianse preto de 200 concellos”.
Asemade, GaliciaLe, a plataforma de préstamo dixital da Xunta de Galicia, triplicou o número de usuarios desde o inicio da pandemia.

PUBLICIDADE