As nosas empresas locen empuxe innovador perante sete firmas internacionais
martes, 21 de maio do 2019
O
Clúster
TIC Galicia celebra dende hoxe unhas xornadas técnicas para
facer avanzar no mundo o sector galego das empresas de novas
tecnoloxías. Na
inauguración participou, entre outros representantes do tecido
innovador galego (público e privado) o director do Instituto Galego
de Promoción Económica (IGAPE), Juan Cividanes, quen salientou
que o potencial deste sector é fundamental para avanzar na
internacionalización do tecido produtivo galego. As xornadas
técnicas, que se desenvolven até o venres baixo o formato de misión
comercial inversa, consisten nun completo programa de sesións de
networking e presentacións cos responsábeis de sete empresas
tecnolóxicas Eslovenia, México, Colombia, Chile, Honduras e
Nicaragua.
Durante
a súa intervención, Cividanes resaltou a boa evolución da presenza
exterior das empresas galegas TIC, sinalando que o impulso do sector
“é clave para adaptar o resto dos ámbitos produtivos estratéxicos
galegos á implantación da fábrica intelixente e ás tecnoloxías
emerxentes, que a Xunta promove ao abeiro da Axenda Industria 4.0”.
Segundo engadiu, “o papel das empresas tecnolóxico-dixitais é
fundamental tamén no reforzo á proxección exterior das PEME
galegas no seu conxunto, obxectivo que impulsa a Estratexia de
Internacionalización da Empresa Galega posta en marcha pola
Consellería de Economía, Emprego e Industria”.
Cividanes
subliñou que no pasado ano 2018 exportaron aos seis países
participantes na misión comercial 1679 empresas galegas por importe
de 568,2 millóns de euros. E engadiu: “O incremento no primeiro
trimestre do ano das vendas a América Latina das empresas galegas en
xeral foi do 3% e do 5,6% a Eslovenia”.
Entre
as empresas que forman parte do Clúster TIC galego que exportan aos
países participantes na misión figuran Redegal, EGATEL, Cinfo e
Tesla.
Durante
a xornada de hoxe as empresas participantes que integran a delegación
comercial realizaron exposicións técnicas, ás que seguiron as
presentacións das PEME que integran o clúster e dos centros
tecnolóxicos galegos que traballan no eido da I+D+i.