O Ames AV Lab colaborará con estudantes na materialización dos seus proxectos audiovisuais

martes, 9 de abril do 2024 S. P.

O Ames AV Lab, que se atopa na recta final da fase de captación de proxectos, está realizando dúas reunións informativas en centros educativos esta semana: o martes na Facultade de Comunicación da USC e mércores no Centro de Formación Profesional CIFP Imaxe e Son en A Coruña. En ambos os centros, realizaranse presentacións a estudantes de último ano de formación e de mestrado, co propósito de brindarlles a oportunidade de materializar a súa idea de proxecto ou o proxecto que teñan en marcha.
Ademais destas dúas reunións informativas nos centros educativos a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, vén de reunirse no Espazo A Proa cos usuarios interesados en participar nesta primeira fase de captación. Esta sesión tivo como obxectivo principal proporcionar unha descrición detallada sobre a natureza e alcance do laboratorio, presentando o manual do participante, as súas actividades, programa formativo e docentes especializados. A concelleira foi acompañada por María Lloves (técnica municipal) e Ramón Tubío, director de Craftium.
Segundo fixeron saber, o Ames AV Lab “representa un fito sector audiovisual de Ames”, unha iniciativa co-financiada pola Deputación da Coruña que “marca un avance significativo no desenvolvemento e a promoción do sector audiovisual local”.
Máis polo miúdo ten o obxectivo de “impulsar a produción audiovisual, fomentar o talento emerxente local e posicionar o sector audiovisual amesán como referente a nivel galego e nacional”.
Dirixido a creadores con proxectos en diversas etapas de desenvolvemento, ofrece un respaldo integral para materializar ideas desde a súa concepción ata a súa realización.
O proceso de selección constará de dúas etapas: preselección de 30 proxectos presentados e selección, tras entrevistas personalizadas, de 15 proxectos para participar na academia de Ames AV Lab.
Durante oito meses, os proxectos seleccionados terán acceso a un programa formativo adaptado ás súas necesidades, así como a servizos de titorización, mentoring, asesoramento especializado e financiamento.

PUBLICIDADE