As novas charlas TEDxGalicia celébranse no Gaiás o 2 de decembro

xoves, 21 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

Xa se albisca ao lonxe un dos eventos divulgativos e formativos que máis tocan de preto a quen ande cun pé nas novas tecnoloxías e outro na creación de contidos de toda índole. Falamos das novas charlas TEDxGalicia, que se celebran o sábado 2 de decembro no Museo Centro Gaiás e que nesta edición terán como lema Ultreia. Ánimo para ir máis alá. A edición galega virá novamente (logo de dúas convocatorias consecutivas) da man da Cidade da Cultura, respondendo ao seu obxectivo de “apostar por promover a difusión de ideas innovadoras”.
As charlas desenvólvense en todo mundo coa arela de situarnos aos usuarios das novas tecnoloxías máis alá (moito máis alá) do noso papel de usuarios. As sesións TEDxGalicia queren amosar a innovación da innovación e, a maiores, converternos a todos e innovadores e creadores.
Segundo nos recordan dende a Cidade da Cultura, as xeiras de divulgación e debate TED creáronse en 1984 en California como un evento para a transmisión “daquelas ideas que pagan a pena ser difundidas”, sendo TED o acrónimo de Tecnoloxía, Entretemento e Deseño, as súas tres grandes áreas temáticas. O seu formato áxil (duración máxima de 18 minutos), así como a escolla de relatores e temas fixo que axiña se convertesen nun fenómeno viral con millóns de visualizacións a través de YouTube. Teñen pasado polas sesións persoeiros da tecnoloxía, as artes, o activismo e a política como Bill Clinton, Bill Gates (o creador de Microsoft), Jane Goodall, Frank Ghery ou Bono (U2).
Co lema Cara unha sociedade movida pola talento, a primeira edición dos TEDxGalicia celebrouse no ano 2010. Desde 2015, a Cidade da Cultura acolle este evento no marco de seu programa de apoio ao emprendemento e a innovación.
A organización de TEDxGalicia anuncia que os nomes de conferenciantes non se darán a coñecer ate principios de novembro, pero que as entradas para asistir como público sairán a venda o 1 de outubro en tedxgalicia.com ou en cidadedacultura.gal.

PUBLICIDADE