As operadoras nacionais únense para competir coa oferta da banda larga de Telefónica
venres, 6 de marzo do 2009
A fin de poder competir coas novas ofertas de “Internet ultrarrápido” que ofrece Telefónica,
as operadoras de telefonía Orange, Vodafone e Jazztel veñen de anunciar a
unificación dos seus investimentos en redes de fibra óptica cos que levar a
televisión en alta definición, entre outras novidades, aos fogares españoles.
Logo de que a CMT aprobase a lexislación definitiva para a
comercialización de Internet ata 100 megas o pasado xaneiro, as “operadoras alternativas á nacional Telefónica”
están comezando a estudar “como competir”
coa empresa que preside César Alierta neste eido.
Segundo afirma hoxe o diario El
Mundo, levar un cable de fibra ata unha casa ten, hoxe en día, “un custe aproximado de 1.000 euros, tres
veces mais que a instalación dunha rede de ADSL no noso país”. Nembargantes,
continúa, “contar con esta tecnoloxía será
esencial para a supervivencia das operadoras no futuro”.
É por isto que Telefónica vén de anunciar o seu compromiso
de investir ata 1.000 millóns de euros neste tipo de redes; unha iniciativa que
fixo que o resto de operadoras nacionais miraran de unir forzas para loitar
xuntas cun mesmo obxectivo común.
Neste senso, Orange e Vodafone, xa contan cun acordo de
investimento conxunto en telefonía móbil en España, mediante o cal pretenden achegar
unha rede 3G que lle permita navegar con teléfono móbil aos veciños de poboacións
de menos de 25.000 habitantes.
Con este pacto, a filial de France Telecom aforra máis de 70
millóns de euros na súa rede española, que lle permiten competir máis
comodamente con Telefónica.
Ademais da compartición de redes, Orange está levando a cabo
outras medidas para mellorar a súa rendabilidade, como recortar o número de
proveedores e centros de atención ao cliente que ten en España e abrir entre 7
e 8 novas tendas de marca propia en todo o país, ata acadar os 300 puntos de
venda en 2011.
