As plantas volverán defendernos dos zombis

mércores, 22 de outubro do 2025 Redacción

Electronic Arts anunciou oficialmente o lanzamento de Plants vs. Zombies: Trasplantado, unha remasterización do tower defense de 2009 que chegará este xoves. A nova versión, desenvolvida por PopCap Games en colaboración con The Lost Pixels, promete recuperar a esencia do xogo que marcou unha xeración, agora con gráficos en alta definición, novos modos de xogo e contido inédito.
Trasplantado mantén o sistema de defensa por liñas que fixo famoso ao título, no que os xogadores deben deter hordas de zombis empregando un arsenal de plantas con habilidades únicas. A remasterización inclúe niveis adicionais, minixogos clásicos como O salón de birlos e novos desafíos como Día anubrado e Descanse en paz, este último cunha dificultade extrema e morte permanente. Tamén se incorpora un modo cooperativo local e un modo xogador contra xogador, ambos dispoñibles a pantalla partida.
O xogo estará dispoñible para Nintendo Switch, Nintendo Switch 2, PlayStation 4, PlayStation 5, Xbox One, Xbox Series X|S e PC, co que garanten que tanto os usuarios de consolas da xeración actual como os de sistemas anteriores poidan acceder á experiencia remasterizada, con gráficos en HD e novos modos de xogo adaptados a cada dispositivo.
Con esta entrega, Electronic Arts aposta pola nostalxia sen renunciar á modernización técnica e á expansión do universo PvZ. A editora promete unha experiencia renovada que honra os quince anos de historia da saga, dirixida tanto a veteranos coma a novos xogadores.

Tráiler de Plants vs. Zombies: Trasplantado