As series de televisión son o contido máis demandado na rede BitTorrent

luns, 21 de maio do 2007 Marcus Fernández

Mentres a televisión á carta non remata de chegar ó mercado, os usuarios fana de seu grazas ás redes P2P, ou tal se pode traducir dun estudo sobre o uso da rede BitTorrent, na que, as series de televisión só son o 10% dos ficheiros dispoñibles pero preto da metade dos usuarios desta tecnoloxía de intercambio de ficheiros os descargan.
Así, a categoría da ficción televisiva é a favorita pola meirande parte dos usuarios de BitTorrent, seguida dos vídeos (co 15,7%), os videoxogos (8,6%), a música (7,8%) e a pornografía (6%), ocupando esta última un posto inferior do que habitualmente se podería pensar e, de feito, a oferta de ficheiros é de ós o 5,1%, mentres que a oferta de música (25,9%) e vídeos (24,2%) é moito máis variada.
Analizando as difusión de series por este sistema tamén podemos estimar o seu éxito, e así non é de sorprender que algúns produtos acaden sona mundial en pouco tempo, e temos que series de televisión coma Perdidos acadan máis de 470.000 descargas seguida de Prison Break (con máis de 320.000) e Heroes (máis de 190.000), o que supón uns resultados moi positivos na estimación da audiencia real das series, que poderían afectar tanto á súa audiencia futura como á comercialización de produtos asociados.

PUBLICIDADE