As tecnólogas galegas fan un chamamento a romper estereotipos profesionais e formarnos en ciberseguridade
luns, 21 de setembro do 2020
Entre
as moitas actividades de interese (boa parte delas virtuais) do
programa da nova edición da feira
de emprendemento Pont-Up Store, organizada polo Campus (Campus
Crea) e o Concello de Pontevedra, figurou unha charla baixo unha
óptica feminina que contou coa participación de media ducia de
expertas galegas en ciberseguridade. A sesión, moderada por Ramón
Suárez, director executivo de iVigo Business Space, abriuse
derrubando os falsos estereotipos sobre o perfil das persoas que se
adican a traballar en contornas tecnolóxicas e que acaba por xerar
(este perfil erróneo) un déficit de mulleres nas disciplinas
relacionadas co mundo das telecomunicacións e outras carreiras
tecnolóxicas.
Todas
elas coincidiron na urxencia de tirar abaixo estes prexuízos e
recordar a longa, diversa e completa variedade de perfís
profesionais que atesoura o ámbito TIC, moi afastada do modelo
único, predominantemente masculino e predominantemente desconectado
da realidade, que os medios e a cultura de masas veñen impoñendo
dende hai décadas.
Tamén
xuntaron forzas para salientar a importancia de mostrar ao tecido
social como coidar a súa privacidade. A sesión serviu para
clausurar, no mediodía do sábado 19, despois de tres días de
actividades formativas en liña que foron seguidas por máis de 12
mil persoas (e que seguirán dispoñíbeis na web e as redes do
encontro), a edición da feira pontevedresa Pont-Up Store máis
dixital da historia do evento.
Susana
Rey, enxeñeira Teleco, experta en Ciberseguridade e delegada de
Protección de Datos (DPO) no Grupo Euskaltel, Virgin Telco, R e
Telecable, asegurou que “os estereotipos de xénero son roles que
transmitimos ás crianzas e que acaban por limitar non só as
expectativas das nenas, senón as de toda a sociedade, porque
necesitamos equipos o máis diversos posíbel e se perdemos a visión
dun 50% do mundo, quedamos a un 50% de facelo ben”. Segundo dixo,
“necesitamos que as nenas xoguen con princesiñas hackers”.
Na
palestra tamén se abordou o propio estereotipo da hacker para
explicar que se trata de profesionais que, ao contrario do que a
maioría da poboación imaxina, non son piratas informáticas, senón
expertas no manexo de computadoras, que se ocupan poñer a proba os
sistemas informáticos das empresas emulando o ataque de
ciberdelincuentes para encontrar fallos de seguridade que podan
supoñer unha ameaza e acompañalos para resolvelos. A este respecto,
Olalla Sánchez, enxeñeira Teleco, hacker ética e consultora
de ciberseguridade, advertiu de que “nunha sociedade cada vez máis
conectada e con millóns de móbiles activos, o cibermundo volveuse
máis inseguro ca nunca”. Entre as múltiples ameazas que podemos
sufrir, Sánchez destacou os fraudes online e explicou que
“poderían reducirse en grande parte fomentando a concienciación e
a formación das persoas usuarias, un tema de vital importancia para
un futuro que xa está aquí e que se vai acelerar aínda máis a
causa dos efectos da pandemia”.
Pilar
Vila, enxeñeira Informática, CEO cofundadora de Forensic &
Security, opina que “é certo que as organizacións son cada vez
máis conscientes da necesidade de investir en ciberseguridade, pero
non é suficiente; hai que investir máis en formar ás persoas que
integran os equipos”. Na palestra lembrouse que “todo dispositivo
conectado a unha rede é vulnerábel”, e a mellor forma de
protexerse fronte aos ciberataques é seguir unhas mínimas normas de
funcionamento dixital que a maioría da poboación descoñece ou non
practica. Sobre este problema, Susana Rey advertiu de que “temos
unha xeración de orfos dixitais que se están introducindo no
ciberespazo sen que ninguén saiba ensinarlles as normas básicas”.
Olalla Sánchez, engadiu que “nenas e nenos teñen que estar
guiados e vixiados, igual que non os deixamos sós na rúa, tampouco
podemos deixar que vaian sós por Internet, e formalos no tema da
privacidade é fundamental”.
Pola
súa banda, Sara Suárez Gonzalo, investigadora en datos masivos (Big
Data), privacidade, Intelixencia Artificial e algoritmia, usou os
termos “civismo dixital” para referirse á necesidade de que a
sociedade aprenda a comportarse en Internet; e asegurou que “é
necesario fomentar a participación de toda a sociedade na creación
e mellora da tecnoloxía, que non pode ficar en mans dunhas poucas
persoas expertas”. Neste mesmo sentido, Pilar Vila advertiu de que
“se non empezamos a educar en competencias dixitais, imos asistir
en pouco tempo a discriminacións sociais moi fortes para as persoas
que queden fóra dun mundo que cada día nos vai esixir máis manexo
de tecnoloxía”.
Lilian
Adkinson, enxeñeira Teleco e responsábel de Analítica en
Seguridade e Privacidade en Gradiant, explicou que “a demanda
destes perfís é maior cada día, pero que está resultando difícil
encontrar profesionais con formación específica para incorporalos
ás empresas e aos equipos de investigación, sobre todo en Europa”.
Neste momento, segundo aclarou Pilar Vila “os 4 ou 5 xigantes que
manexan o mercado do Big Data e que fan
parte do denominado capitalismo da vídeo-vixilancia, están en
Estados Unidos, o que supón unha importante preocupación para a
Unión Europea”.