As televisións locais do contorno de Compostela pretenden dixitalizar o seu sinal antes do verán

xoves, 21 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

As concesionarias de canles de televisión dixital terrestre de ámbito local da demarcación de Santiago (Ames, Teo, Vedra, Padrón, Brión, Negreira, Rois e Santiago) mantiveron unha xuntanza con Manuel José Fernández Iglesias na que o director xeral de Comunicación Audiovisual lles presentou o servizo de contidos Cine Galego na Rede á vez que trataron sobre a TDT local, para o que tamén contaron coa presenza de Jesús García Porto, xerente de Retegal, que ilustrou sobre o estado do desenvolvemento dos distintos proxectos de TDT e aclarou aspectos técnicos e administrativos vencellados ó proceso de despregamento dixital.
Os responsables das televisións locais expresaron a súa vontade de comezar a emitir en dixital antes do verán, de xeito que aproveitarían a crecente cobertura da TDT, que xa chega ó 28% dos fogares galegos, aínda que só ten un 6% de cota de pantalla.