As tendas GAME lanzan un plan renove para mercar a Xbox One X

luns, 1 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Os usuarios que queiran dar o salto a Xbox One X, a consola doméstica máis potente do mercado, e queiran facelo do xeito menos traumático economicamente, poden aproveitar até o vindeiro día 10 o plan renove que teñen nas tendas GAME co gallo do lanzamento do xogo Forza Horizon 4, que é un dos que tira especial proveito das capacidades gráficas da Xbox One X.
A consola de Microsoft está valorada por 479,95 euros, pero ao entregar unha consola anterior, nas tendas GAME fan unha valoración vantaxosa das mesmas, de xeito que neste caso, achegando unha PlayStation 4 con 1 TB de disco duro e un mando poderá mercarse a Xbox One X por só 169,95 euros. No caso de entregar unha PS4 con 500 GB de disco o prezo da nova consola sería de 194,95 euros; por unha Nintendo Switch con 2 Joy-Con o prezo da Xbox One X quedaría en 164,95 euros e, por unha Xbox One S de 1 TB con mando o prezo a pagar sería de 274,95 euros.
A promoción está limitada a un milleiro de unidades, e as consolas entregadas terán que estar en perfecto estado estético e de funcionamento.
A Xbox One X do programa renove de GAME inclúe o xogo PLAYERUNKNOWN’S BATTLEGROUNDS.

PUBLICIDADE