As tendas dixitais de videoxogos celebran as festas con rebaixas

venres, 20 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Coa chegada das festas de Nadal as tendas de videoxogos queren que os xogadores realicen compras de última hora para facerse con títulos para gozar durante os días de lecer, polo que ofrecen ofertas substanciais para provocar compras impulsivas.
Aínda que a tenda de Epic Games ten un período de ofertas pouco habitual (do 12 de decembro ao 9 de xaneiro), as rebaixas de inverno de Steam rematarán o 2 de xaneiro, como tamén acontece coas Oferta de conta atrás da tenda dixital de Xbox; mentres que dende PlayStation foron máis tradicionais, e comezaron as rebaixas hoxe mesmo, situando o seu remate o 6 de xaneiro, coincidindo coas semanas máis festivas en España.
As ofertas que podemos atopar estes días son bastante interesantes, de xeito que podemos facernos con EA Sports FC 25 para PS4 e PS5 a 31,99 euros (prezo tamén dispoñible para a versión de Xbox Series X|S), God of War Ragnarök a metade de prezo, Star Wars Outlaws para Xbox Series X|S por 51,99 euros, Half-Lift: Alyx pode adquirirse por 19,46 euros e Cyberpunk 2077 para PC por 26,99 euros. Son só uns exemplos dos moitos títulos que podemos adquirir rebaixados antes do remate do ano.