Até 20 especialistas participarán no congreso internacional de videoxogos e publicidade da UVigo
xoves, 11 de outubro do 2018
Os
días 25 e 26 deste mes imos ter na Facultade de Ciencias Sociais e
da Comunicación unha cita coas posibilidades dos videoxogos para
incrementar o noso coñecemento, as nosas habilidades e a nosa
capacidade transmitir recursos e datos aos demais. Estamos a falar da
primeira Conferencia Internacional de Videoxogos e Publicidade
que, segundo informou hoxe a profesora Beatriz Legerén, responsábel
do comité organizador do evento, contará
coa presenza de 20 especialistas e profesionais ligados á industria
do lecer dixital. Os obxectivos, en concreto, pasan por afondar
no poder comunicativo e persuasivo dos videoxogos.
O
foro, aberto a estudantes de calquera ámbito, ten aberto o seu
período de inscrición.
Baixo
o título de Comunicación e persuasión, a conferencia vén
da man do grupo de investigación Comunicación Persuasiva 2, o grupo
de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte)
e a asociación científica Icono 14, co patrocinio da Universidade
de Vigo, a Vicerreitoría do Campus e o Consello Social da
Universidade. En detalle, a cita servirá tamén para comprobar até
que punto son válidos os videoxogos para realizar labores eficaces
de mercadotecnia, promoción e publicidade.
O
catedrático da Universidad Complutense de Madrid Francisco García
será o encargado de impartir a conferencia inaugural dun foro que se
compón, tamén, dunha interesante serie de mesas de debate: un total
de tres.
Na
primeira, poranse sobre a mesa aspectos como o advergaming,
“xogos que se utilizan como ferramenta publicitaria”, e o
emprazamento de produtos e marcas nestes produtos, coa participación
da investigadora da Universidade de Valladolid Ana Sebastián, a
profesional do desenvolvemento de videoxogos Olaia Ferrando e o
guionista Jaime Martínez.
A
seguinte mesa porá o foco nos eSports da man do investigador
da Complutense e xornalista especializado neste eido Marcos Antón, o
investigador da Universidade de Vigo Esteban Canle e Carmen Pumariño,
directora de The Cloud Gaming, “a empresa máis importante de
eSports amateur de España”, explica Legerén.
Por
último, nesta primeira xornada afondarase tamén no potencial dos
videoxogos como ferramenta de comunicación da man do coordinador do
grao en videoxogos da U-TAD Javier Gayo, a investigadora desta
universidade Mercedes García e o experto en localización e
tradución de videoxogos Ramón Méndez, un dos impulsores do título
propio de especialista en Tradución para a industria do videoxogo da
Universidade de Vigo.
Os
videoxogos como ferramenta de persuasión e comunicación serán, por
outra banda, o eixo da segunda xornada, que contará na súa primeira
mesa coa participación das investigadoras María Jesús Abad, da
Universidad Rey Juan Carlos, e Lucinda Saldanha, da Universidade do
Porto, así como do investigador da Universidade de Aveiro Nelson
Zagalo, “especializados no estudo do uso de ferramentas
interactivas como obxectos ou produtos persuasivos”, engade
Legerén.
Unha
segunda mesa porá o foco na fase de creación dos xogos e nela
participarán Evelio Sánchez e Rafael Tenorio, responsábeis dunha
empresa de arquitectura especializada no deseño de escenografías
para videoxogos; Josué Monchán, e a deseñadora de interfaces María
Fernández.
Unha
sexta mesa porá o foco na industria do videoxogo desde unha
perspectiva de xénero. Este debate contará coa participación da
profesora María José Rosado, presidenta da Fundación para a
Investigación Social Avanzada iS+D, da presidenta da asociación
Women in Games España Gisela Vaquero e da investigadora da USC
Silvia López.
Así
mesmo, a conferencia verase precedida, o mércores 23, pola
presentación na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do
libro Feminismo del punto medio, por parte de Francisco García
e María Jesús Redondo.