Até 45 comercios participan xa no programa Tendas a exame en liña do Concello da Coruña

xoves, 24 de setembro do 2020 S. P.

A concelleira de Innovación, Industria e Emprego da Coruña, Eva Acón, participou no Accede Papagaio na presentación do programa Tendas a exame en liña, dirixido a apoiar ao comercio local con todo tipo de recursos e coñecementos sobre ferramentas dixitais para mellorar a visibilidade dos negocios.
Na presentación no Accede Papagaio da iniciativa, que xa está en marcha xuntando locais e que xorde da estratexia municipal para impulsar e dinamizar os establecementos de proximidade, salientáronse as boas cifras acadadas até o de agora pola primeira edición do programa, do que xa tiran proveito 45 comercios e cuxas solicitudes case duplicaron as prazas inicialmente dispoñíbeis.
A concelleira agradeceulles a todas as persoas participantes a súa presenza e destacou que a pandemia puxo de manifesto a importancia de que o pequeno comercio se adapte ás novas tecnoloxías: “Con este programa respondemos a moitas peticións das e dos comerciantes que pediades un programa de consultoría sobre redes sociais, páxinas web, marketing en liña”, dixo.
Acón sinalou que durante a vindeira semana unha persoa especializada visitará os comercios que se adhiran este outono para analizar a situación de partida.
A iniciativa Tendas a exame en liña consiste, explicou, en que as persoas propietarias dos comercios coñezan ferramentas online que poidan habilitar nos seus negocios “de forma sinxela, co obxectivo de chegar a máis clientela e mellorar a súa visibilidade na Rede”. Este cambio “permitirá que poida participar calquera comercio de proximidade da cidade que teña establecemento aberto ao público, con independencia da zona na que se atope”.
Segundo dixo, logo da fase de análise e diagnóstico levaranse a cabo nos negocios consultorías personalizadas de mercadotecnia en liña, comercio electrónico, SEO, ecommerce e social selling, entre outras temáticas, sempre buscando aquelas que mellor encaixen cos diferentes establecementos participantes.

PUBLICIDADE