Até 60 nómades dixitais participan na iniciativa Fixar con sedes en Laxe, Lobeira e Ponte Caldelas

martes, 27 de agosto do 2024 S. P.

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou este 27 de agosto en Laxe as instalacións de iSlow, un dos tres centros onde se está a desenvolver o proxecto pioneiro de coliving para atraer nómades dixitais e fixar poboación no rural que a Xunta está a levar a cabo da man da Asociación Cultural Sende. Alí, Mariño mantivo un encontro coas persoas implicadas na iniciativa Fixar na que participarán un total de 60 persoas seleccionadas, que comezaron neste mes de agosto as primeiras estadías de 15 días contempladas tanto en iSlow como nos coliving de Sende (Lobeira) e Anceu (Ponte Caldelas).
Segundo destacou Mariño, trátase da primeira actuación destas características que promove a Consellería de Emprego xunto con Sende, entidade que xestiona no concello ourensán de Lobeira o primeiro espazo coliving de Europa e que, segundo dixo, “conta con ampla experiencia neste ámbito”. A directora xeral salientou que as 60 persoas participantes -13 delas asesoradas desde a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego- foron seleccionadas das catro provincias galegas, con proxectos multidisciplinares relacionados con eidos como o da cultura ou o da educación, o da arquitectura ou o da construción, o da comunicación ou o da informática. Tamén son sobre artesanía, oficios ou moda, financeiros ou arredor do medio ambiente, entre outros eidos de traballo.
Así mesmo, apuntou que unha boa parte destas persoas participantes -entre as que se poden atopar galegos retornados ou estranxeiros afincados na nosa terra- residen en cidades e teñen interese en asentarse no rural galego, co obxectivo de dinamizalo e de ofrecer novos servizos e recursos nesas contornas.
Fases de Fixar
No marco do proxecto Fixar traballarase coa comunidade en tres fases. A primeira artéllase a través das estadías que xa comezaron, nas que os participantes afondarán no espírito e na filosofía do coliving rural, recibirán mentoring, construirán a súa rede e traballarán en impulsar os seus negocios. Deste xeito, “búscase conxugar as oportunidades que ofrecen estes espazos co compromiso comunitario, coa tecnoloxía e cos beneficios do rural galego”, sinalou a directora xeral, engadindo que na segunda fase proporcionarase apoio continuo a esta comunidade a través dun grupo especial en liña para axudala en aspectos relacionados coa vida na aldea. A terceira fase consistirá en organizar xuntanzas presenciais cada mes, permitindo que os 60 participantes se encontren e fortalezan o sentido de comunidade.