Até trinta empresas de Vilamarín e Pontedeva contan xa coa rede ultrarrápida de R
mércores, 9 de xaneiro do 2019
Comeza
o novo ano e seguen adiante os traballos do Plan
de Banda Larga da Xunta, do que a
firma R é adxudicataria, destinados a implantar redes
ultrarrápidas nos polígonos da nosa terra que non dispoñen delas.
Entre as contornas industriais onde se veñen de estrear (coa chegada
de 2019) os novos equipamentos de FTTH (Fiber To The Home)
figuran o parque empresarial de Vilamarín e a zona de promoción
industrial de Trado, en Pontedeva (provincia de Ourense). Estes
despregues implican que arredor dunhas trinta empresas destas
contornas industriais dispoñan xa de acceso a Internet con
velocidades de até 350 Mpbs.
Segundo
informa R, estas mesmas tecnoloxías chegaron tamén (previamente) ás
seguintes superficies empresariais ourensás: os polígonos
empresariais de Allariz (Chorente e Roiriz), O Barco de Valdeorras,
Carballeda de Valdeorras (A Médua), Celanova, Ribadavia, Verín,
Xinzo da Limia e Vilar de Santos. Todos eles están xa conectados a
redes ultrarrápidas de internet, de xeito que son 11 os polígonos
ourensáns beneficiados polo Plan dende que comezaron as actuacións
en 2016.
A
operadora R tamén lembra que os polígonos acabados de de beneficiar
poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica
cunhas velocidades de até 350 Mbps de baixada e 35 de suba, e cunha
garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
R recorda
igualmente que, grazas aos ditos equipamentos, pon a disposición das
empresas dos polígonos “a tecnoloxía precisa para acometer a súa
transformación dixital”. Ou sexa, servizos e solucións na nube
como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas
(IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0,
vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética,
o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e
a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas
estas cousas e outras moitas máis”, explicou a compañía de
raizame galega, “son posíbeis grazas ás vantaxes das redes FTTH
(Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia
empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de
R”.
Prazos
e orzamento
O
Plan xa completou o despregue nos 81 polígonos da Comunidade que
estaban previstos. Deste xeito, a peche de 2018, un total de 130
polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial
ocupada, dispoñen xa de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. Este
fornecemento de tecnoloxías supón un investimento total de 5,2
millóns de euros, dos que 3,4 son subvencionados pola AMTEGA e
co-financiados ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento
Rural (FEADER) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia
2014-2020 (PDR).