AtlantTIC loce no Mobile World Congress os seus avances en 5G

martes, 27 de febreiro do 2018 Redacción

Estes días fálase moito do senlleiro encontro internacional Mobile World Congress que se está a celebrar en Barcelona e dáse a circunstancia de que moito do que se fala pouco ou nada ten que ver coas tecnoloxías móbiles e coas aplicacións desenvolvidas para facernos a vida máis cómoda e, dende logo, máis conectada. Para romper un pouco esta tónica e meternos no que de verdade importa en relación ao MWC, a tecnoloxía, lembramos que no salón están a mostrar recursos innovadores sete empresas galegas ao abeiro do Pavillón de España (Tecalis Innovación, Disashop, Igalia, Improving Metrics, Quobis Networks, Xesol Innovation e Visual Publinet) e que, ademais, a Universidade de Vigo tamén loce interesantes descubrimentos na xuntanza. Máis polo miúdo os investigadores do Grupo GTI do centro AtlantTIC, encabezados por Felipe Gil.
En concreto, están a amosar no MWC o resultado do seu traballo no proxecto Veo5G: Virtualización eficiente de operadores 5G. Xunto a Gil, Carlos Pérez, Pablo Fondo e Abel Fernández, integran a representación de AtlantTIC no congreso internacional. Segundo lembran, o Grupo GTI leva anos traballando nas redes de comunicación sen fíos e móbiles e, recentemente, centrouse nas tecnoloxías que darán alicerce ás futuras redes de quinta xeración. Con este obxectivo, os investigadores do dito centro vigués están a traballar coas firmas Cellnex e Optare e o centro tecnolóxico Gradiant no marco do proxecto Veo5G, centrado en avanzar nas tecnoloxías que están a redefinir as redes 5G, máis polo miúdo as tecnoloxías que permiten construír redes flexíbeis e dinámicas.
Segundo explican, “a nosa participación no congreso ten dous obxectivos, establecer un primeiro contacto coas empresas interesadas na tecnoloxía, cara a súa transferencia, e o de aumentar a rede de contactos no plano investigador para seguir avanzando no desenvolvemento a través dun sistema cooperativo”. Os investigadores de AtlantTIC engaden, para quen non o saiba a estas alturas, “que o 5G é a evolución da tecnoloxía actual 4G, empregada nos móbiles para a transmisión de datos, aínda que a súa implantación pretende ir máis aló da telefonía, achegando solucións de conectividade e novos servizos, como poden ser os relacionados co Internet das Cousas, a Industria 4.0 ou o vehículo conectado, permitindo ademais conexións moito máis rápidas”.
Ao longo da semana que dura o Mobile World Congress realizarán demostracións da súa tecnoloxía no stand de Cellnex, nas que mostrarán cousas como a posibilidade real de compartir infraestruturas para varios operadores especializados, ou a adaptación das redes aos requirimentos de usuarios de xeito individual.

PUBLICIDADE