AudiOdyssey, un videoxogo con moito ritmo para persoas cegas

luns, 9 de xuño do 2008 Raquel Noya

Coa chegada das novas vídeo consolas como a Wii, a Nintendo DS ou a PSP as persoas maiores e as mulleres, dous sectores da poboación que en xeral non estaban interesados neste tipo de entretemento, pasaron a formar parte do público obxectivo dos fabricantes de videoxogos, ó crear novas tecnoloxías polas que se podían sentir atraídos dalgún xeito.
Pero ata o de agora, a pesares dos avances que se teñen acadado en investigación, aínda había un colectivo que non “sucumbira” xa aos mandos destes aparellos, e non porque non fosen o suficientemente atractivos para os seus integrantes senón pola falta de adaptación dos dispositivos para xogar con eles. Trátase das persoas con deficiencias visuais, que grazas a un videoxogo desenvolvido por estudantes do Instituto de Tecnoloxía de Massachussets (MIT) e de Singapur tamén poderán xogar coas modernas consolas que tanto éxito levan acadado nos últimos anos pola revolución no xeito de interactuar con elas.
AudiOdyssey, que é como se coñece a este peculiar videoxogo, simula o funcionamento dunha cabina dun DJ na que hai que pulsar un botón xuto ó ritmo da música “para facer tolear aos congregados” nunha pista de baile virtual. Polo de agora, o primeiro prototipo está dispoñible para Nintendo Wii e para PC e, segundo vén de informar o xornal dixital Elmundo, “os que o probaron aseguran que é realmente divertido”.
Asemade, o que converte a este produto nun verdadeiro pioneiro na industria do entretemento moderno é que permite que as persoas con problemas de visión poidan xogar ó mesmo tempo contra os seus amigos que ven ben, algo que ata o de agora non se conseguira con ningún outro videoxogo xa que, os que había no mercado ata a creación de AudiOdysseyeran tan específicos e estaban tan adaptados ós cegos que era case imposible que unha persoa sen problemas nos ollos puidera empregalos”. Así o afirma Eitan Glinert, un dos creadores do novo videoxogo, que se dedicou a investigar todo o que había no mercado antes de desenvolver a súa ferramenta idea para o goce de todos.
Estas e outras aplicacións pódense descargar de balde a través desta ligazón.

PUBLICIDADE