Avanzan os xogos que chegarán a PS Plus en setembro

mércores, 27 de agosto do 2025 Marcus Fernández

Sony anunciou os títulos que se incorporan en setembro ao catálogo de xogos mensuais de PlayStation Plus. Os subscritores poderán descargar a partir do día 2 Psychonauts 2, Stardew Valley e Viewfinder, unha selección que combina aventuras de espionaxe psíquico, simulación agrícola e enxeñosos crebacabezas de realidade alterada.
En Psychonauts 2 (PS4), os xogadores meteranse na pel de Razputin Raz Aquato, un acróbata mozo con poderes psíquicos que cumpre o soño de entrar nos Psiconautas, unha organización internacional de espionaxe mental. Mais nada será doado: o líder da axencia non volveu ser o mesmo desde o seu secuestro e un infiltrado ameaza a seguridade do cuartel xeral. Cun estilo cinematográfico, plataformas cheas de humor e poderes personalizables, a aventura leva a Raz a explorar as mentes de amigos e inimigos para deter un vilán psíquico perigoso.
En Stardew Valley (PS4), a tranquilidade chega da man dun clásico contemporáneo. O xogador herda a vella leira do seu avó e debe transformala nun fogar próspero con apenas unhas ferramentas usadas e unhas poucas moedas. O reto vai máis aló do cultivo: a corporación Joja alterou a vida do pobo, o centro cívico esmorece e só a dedicación poderá devolverlle o esplendor ao val.
Finalmente, Viewfinder (PS4 e PS5) propón unha experiencia de quebracabezas en primeira persoa baseada na percepción e na transformación do mundo. A través dunha cámara instantánea, é posible dar vida a fotos, debuxos ou postais para modificar os escenarios e avanzar en complexos desafíos. Cunha estética chea de cor e creatividade, o xogo ofrece unha aventura sorprendente que invita a mirar a realidade doutro xeito.