Axudas de Innovación para que os autónomos galegos adquiran ordenadores

mércores, 24 de setembro do 2008 Raquel Noya

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, vén de asinar, esta mesma mañá, diversos convenios de colaboración con 32 comercios que se adheriron á convocatoria aberta da Consellaría, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, para o establecemento dun sistema de concesión de axudas aos autónomos para a compra de ordenadores.
A relación das devanditas entidades colaboradoras será publicada no DOG na primeira semana de outubro e as beneficiarias poderán presentar as súas solicitudes de axuda a partires do día seguinte ó da publicación. Estas cuantías poderán acadar o 45 por cento do importe do ordenador que adquira cada autónomo, e cubrirán ata un máximo de 350 euros por adquisición.
O total do investimento desta liña de axudas é de 1,66 millóns, que poderán beneficiar a uns 5.000 traballadores por conta propia dados de alta no réxime especial de autónomos, agás comerciantes retallistas, que non son beneficiarios xa que existen liñas de apoio específicas para este tipo de investimentos.
Blanco explicou que esta liña de axudas se encadra dentro da estratexia do seu departamento para estender a aplicación das novas tecnoloxías da información e da comunicación ao conxunto do tecido empresarial galego e asegurou que se trata dunha medida que beneficiará tanto aos comercios adheridos como aos autónomos que precisan mellorar as súas infraestructuras.
Para a obtención da axuda, os traballadores autónomos deberán mercar o equipamento nalgunha das 32 entidades colaboradoras coas que hoxe se asinou o convenio e que cumpriron cos requisitos da orde de convocatoria publicada en xullo deste ano. Estes colaboradores localízanse en todo o territorio galego para facilitar a adquisición de ordenadores por parte dos autónomos.
Os equipos informáticos que adquiran os traballadores autónomos contarán con ferramentas ofimáticas de sofware libre de balde, aínda que poderán dispoñer doutras aplicacións de pago que lle poidan interesar ao comprador. Para isto, a Consellaría fixo entrega ás entidades asinantes de dous CDs cos programas de instalación de Linux e aplicativos de software libre, así como dun DVD con ferramentas de xestión para PEMES.
Por outra banda, os traballadores que queiran desprenderse dun equipo obsoleto poderán depositalo na entidade colaboradora, que conta cos medios para entregalo para o seu aproveitamento e reciclaxe; unha medida que beneficia sen excepcións a tódolos habitantes do país e ó propio planeta.