BT lanzará a primeira canle de televisión en ultra alta definición de Europa

martes, 9 de xuño do 2015 Marcus Fernández

BT vai revolucionar o panorama mundial da televisión ao anunciar que o vindeiro mes de agosto van lanzar unha canle deportiva en Ultra HD, dando a oportunidade aos espectadores de BT Sport de gozar dunha definición de imaxe sen precedentes (aparte de contar cunha amplísima oferta de contidos futbolísticos).
BT Sport Ultra HD será a primeira canle de ultra alta definición en Europa, e servirá para presentar un receptor dixital Ultra HD (que no seu disco duro de 1 TB podería gravar ata 250 horas en alta definición ou 600 horas en definición estándar). A nova canle ofrecerá partidos semanais da Champions League, da Premier League e da Aviva Premiership Rugby.
A incorporación do 4K ás emisións televisivas supón un dobre reto, pois non só hai que contar con receptores especializados (dos que só pode tirarse proveito en novos televisores) senón que tamén precisa de mudar os sistemas de captación de imaxes nos encontros deportivos, o que supón un elevando investimento, aínda que posiblemente conte cun forte apoio da industria, xa que BT Sport Ultra HD pode ser un grande incentivo para a compra de televisores Ultra HD no Reino Unido.