Balatro destaca entre os xogos de PlayStation Plus do mes de maio

mércores, 30 de abril do 2025 Marcus Fernández

Os xogos que chegarán aos subscritores de PlayStation Plus a partir do 6 de maio están a ser moi ben recibidos, por incluír unha selección bastante variada e, moi especialmente, por incluír un dos fenómenos dos últimos meses: Balatro.
Balatro é un xogo de naipes bastante diferente ao que estamos afeitos pois, aínda que nunha primeira ollada podemos pensar que se trata de póker, tal inspiración non se usa para fomentar comportamentos ludomaníacos, senón que estariamos nun xogo de creación de barallas con toques de roguelike, nos que hai que empregar a estratexia para poder superar a partida final e facerse coa vitoria.
Outro grande xogo de maio sería ARK: Survival Ascended para PlayStation 5, que consiste en formar unha tribo, domar e criar centos de especies de dinosauros e outras criaturas primitivas, explorar, crear, construír e loitar neste simulador de supervivencia con grandes gráficos movidos por Unreal Engine 5.
Completa a oferta de xogos Warhammer 40.000: Boltgun para PS4 e PS5, un frenético xogo de acción en primeira persoa inspirado nos shooters dos anos 90 no seu estilo gráfico, no que hai que embarcarse nunha perigosa misión como Marine Espacial para combater contra marines e demos do Caos por toda a galaxia.