Balidea colabora coa AMTEGA na evolución da Plataforma de Competencias Dixitais da Xunta

mércores, 7 de febreiro do 2024 S. P.

A empresa compostelá Balidea encargarase da evolución e mantemento da Plataforma de Competencias Dixitais da Xunta de Galicia. Esta plataforma, composta por varias ferramentas integradas entre si, está orientada a dar soporte ao Marco Galego de Competencias Dixitais e permitirá, entre outras cousas, xestionar o expediente formativo da cidadanía nesta materia. Así o fixo saber a empresa galega, socia tecnolóxica da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Segundo engade Balidea, a Plataforma de Competencias Dixitais da Xunta de Galicia construirase como un ecosistema formado por varias ferramentas integradas entre si, orientado a dar soporte a todas as necesidades do dito Marco Galego. A empresa encargarase de definir a plataforma a nivel estratéxico e de establecer como interactuarán cada unha das súas pezas, ademais de ser a responsábel de pór en marcha a solución final, na que se identifican 4 ferramentas principais: portal de difusión, plataforma de certificación, plataforma de autoformación e rexistro de certificado.
O portal de difusión exponse como web de cabeceira, desde a cal as persoas usuarias poidan acceder a información dinámica e actualizada (como información de convocatorias abertas), así como ao resto de compoñentes da plataforma de xestión.
Pola súa banda, a plataforma de certificación recolle as funcións necesarias para a convocatoria, realización e avaliación das probas para obter a certificación ComDix.
A plataforma de autoformación funcionará como espazo de formación para o Marco Galego de Competencias Dixitais, no que se poidan adquirir os coñecementos, as habilidades e as actitudes vinculadas á competencia dixital a través da teleformación. Para iso utilizarase PLAFOR, plataforma de autoformación e contidos adoptada como estándar para diferentes organizacións e áreas na Xunta.
Balidea encargarase tamén do desenvolvemento dunha plataforma tecnolóxica que permita xestionar o expediente formativo da cidadanía, posibilitando a tramitación e emisión do certificado ComDix, así como o rexistro das entidades que cooperan na xestión das acreditacións e na formación e avaliación para a súa obtención.

PUBLICIDADE