Banco Gallego apúntase á nova liña de estratexia publicitaria cun vídeo no que se inclúe o desmaio de Lopetegui

xoves, 2 de novembro do 2006 Raquel Noya

Co conto de que a fonte da publicidade tradicional está esgotada e de que xa non causa o impacto desexado nos destinatarios, as axencias xa non saben que facer para chamar a atención do consumidor e, ultimamente, están a recorrer moito á creación de novas campañas que simulan vídeos roubados ou montaxes con publicidade encuberta, como foi o caso de Amo a Laura ou o famoso roubo do escano de Zapatero, que case causaron febre na rede. Mais, quen o ía dicir?
O caso é que unha entidade financeira destas terras nosas, Banco Gallego, tamén quixo sumarse a esta liña estratéxica e vén de aproveitar o vídeo no que Julen Lopetegui sufre un desmaio en directo durante o Mundial de Fútbol (con máis de 500.000 descargas en YouTube), para promover a campaña dun produto que, por certo e como non podía ser doutro xeito, leva o nome do futbolista: Depósito Lopetegui.
Baixo o título Por qué se desmayó Lopetegui, a entidade bancaria amosa o vídeo da famosa caída do ex porteiro, so que lixeiramente modificada. Nesta versión, no canto de aparecer Patxi Alonso facendo brincadeiras sobre as cousas do directo, vemos ó equipo técnico traballando para arranxar o fallo e, entre eles, a un home que sostén un cartel no que se poden ler as condicións do depósito, unhas condicións que fan esvaecer ó deportista da impresión que lle produce tal información.
A campaña foille encargada á axencia de publicidade Shakelton, e agárdase que acade unha ampla difusión grazas ós anuncios en portais dixitais, prensa e como non, ó boca a boca, que é a fin de contas a mellor publicidade que existe até o de agora, malia as novas fórmulas máxicas descubertas.

PUBLICIDADE