Bard será a resposta de Google a ChatGPT

luns, 6 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Nos últimos meses as intelixencias artificiais xenerativas conseguiron captar grande atención do público, dando a entender que van ser unha grande revolución, de xeito que algunhas compañías tecnolóxicas tiveron que apostar pola IA para non dar a impresión de quedar atrás, e nesta liña está agora Google, que para deixar claro que levan moito tempo subidos ao tren lembran que nos últimos anos Google AI e DeepMind teñen realizado avances innovadores, entre os que está Transformer, proxecto de investigación que xunto con outros avances de Google en modelos de difusión sentan as bases de moitas das aplicacións de intelixencia artificial xenerativa que están a chegar ao grande público.
Para que non parece que van a remolque de ChatGPT, dende Google lembran que hai dous anos presentaron unha nova xeración de funcións lingüísticas e de conversa baseadas no novo modelo LaMDA (Language Model for Dialogue Applications), sobre o que están a traballar nunha intelixencia artificial experimental de conversa que chaman Bard, e que veñen de abrir a un grupo de testers de confianza, que se encargarán de probala antes de poñela a disposición do público nas vindeiras semanas.
O obxectivo de Bard é combinar a base de coñecementos do mundo coa potencia, a intelixencia e a creatividade dos grandes modelos lingüísticos de Google. Bard toma información da Internet e emprégaa para ofrecer respostas actuais e de alta calidade. Deste xeito podemos ter unha ferramenta que sirva simplemente para saciar a curiosidade, dar renda á creatividade ou para tarefas como explicar a un cativo dun xeito sinxelo algún concepto complexo.
Bard botará a andar cun modelo LaMDA reducido (cuns requirimentos de potencia de cálculo inferiores) para chegar a máis usuarios e permitir así máis comentarios, que logo combinaranse coas probas internas de Google para axustar as respostas de Bard.
Google aproveitou o anuncio de Bard para deixar caer que están traballando para incorporar os avances da IA aos seus produtos, comezando polo buscador, que prevé contar con funcións asistidas pola IA capaces de procesar información complexa e presentala en formatos doados de entender.

PUBLICIDADE